A mellor viaxe festiva polo Entroido de Galicia.
Por Felipe-Senén
Non hai festa na que a paisanaxe galega se exprese mellor que no Entroido, é entón cando a paisaxe reverdece i estoupan en marelos as mimosas e en sangue as camelias... o sangue alporízase. Cadaquén leva prendido da roupa unha flor, volta a nacer a primavera,todo resucita, xa se anunciou o día 2 de febreiro cando "pola Candeloria metade do inverno vai fora", festividade tradicional que perdeu forza na súa liturxia de acender as candeas, de limpar o remol, as cinzas vellas das lareiras e prender o "lume novo"... Poida ainda que nun sétimo ou noveno piso deses rañaceos desconchados e grises dos arrabaldes das cidades galegas, onde o mundo rural se vai facendo urbano, quede unha muller enloitada que cumpra a tradición e acenda unha lampariña ou "mariposa" en lembranza dos defuntiños: sempre en Galicia, país do extremo occidente, as compañas de vivos e os mortos camiñan xuntos.
Todo pregoa a berros a primavera, ¡ ven o Entroido ¡ din nas aldeas, ensaian as comparsas, os felos e os peliqueiros brincan de mañanciña polas congostras aínda enlameiradas polas choivas, máscaras ancestrais fan repicar as ristras de esquilas que levan ao cinto. Nas vilas prepáranse as rúas para os desfiles e as "batallas de fariña"...
Nada mellor para vivir o Entroido Galego que dirixirse apor terras Ourensáns e facer o triangulo máxico do Entroido da Limia, Monterrei e Viana do Bolo, sempre pasando por Laza...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.