8 de marzo de 2011

Entroido V

FACER UN ROTEIRO POLO TRIANGULO MAXICO DAS TERRAS DA LIMIA, MONTERREI, E O BOLO...

Pero si hai que recomendar un roteiro para os días do Entroido non dubidariamos en ofrecer o da provincia ourensán, onde estes se poden aproveitar en toda a súa tensión festiva: Xinzo, Verín, Laza e Viana do Bolo serán o escenario para un representativo e variado Entroido galego. Convén, como norma elemental, estar disposto a todo, os sentidos rebosaran en sensacións.

En terras ourensás, perto do que foi lagoa de Antela, paraxe de historía e leenda, riveirado por torres, dunhas das que se dí procedía a fermosa Isabel de Castro, está Xinzo, aínda as lendas falan da cidade luxiorosa de Antioquía, asolagada polas augas, igual que un exército artúrico castigado a ser neboada de mosquitos...a lagoa desecouse hai décadas, poucas rás fican co seu croar, e a lenda antiga perdeu parte do seu misterio. Non esquezamos que o Limia, limieira da entrada en Galicia, era o río Letheo ou do esquecemento do que falaban os cronistas da Antiguedade, así no 130 a. C., Decimo Xuño Bruto pasou e desafiou a superstición de perder a memoria, chamando polo seu nome a un por un dos seus soldados. Dende entón a "Gallaecía", terra acochada entre neboas, montañas e rios entrou na Historia. Xinzo celebra como ningunha outra vila o Entroido, "Urco", un xigantón choqueiro de palla, farrapos e cartón preside a Praza Maior, lugar de encontro, namentres as bandas de "Pantallas" de tódalas idades brincan polas rúas batendo as binchas de porco inchadas, arrodean a quen queren e nono soltan ata que lle ofrece unhas cuncas no bar... Trátase dun curioso disfrazo, careta rematada nun teso gorro frixio, e coma sempre o cinto leva penduradas as esquilas, o demais é unha camisa e unhas cirolas brancas tipo "Peter Pan" metidas nas polainas negras... e a capa tamén negra ou roxa cuberta de cintas dedicadas...Ninguén atinou aínda con dar coa orixe e a significación de tan singular disfrazo que anima a vila ourensán de Xinzo de Limia, aínda que nel podemos anunciar que vemos semellanzas con máscaras do altiplano Boliviano con herdos de tradicións incas.

Nos derradeiros anos a veciña localidade de Sarreaus, recupera o disfraz noputrora popular de "Vergalleiros", curiosamente ataviados de branco, pequenas esquilas ao cinto sobre o refaixo, chaleque broslado e unha máscara branca con coloretes coroada por unhas cornamentas, tipo bufón das que tamén pinduran unhas pequenas chocas. É símbolo do seu poder e da súa casta a vergalla ou báculo rematado nunha cola de vulpe que porta na mau. Semellante é tamén nas terras do Limia o "Fargalleiro" de Vilar de Santos.

Baixando as curvas das Estivadas atopámonos en terras de Monterrei, presididas por o castelo medieval dos Zúñigas, un dos mellores liñaxes de Galicia, o tempo pode concedernos a visita, alí polo 1493, cúmprese tamén agora o quinto centenario, imprentóuse o primeiro libro de Galicia, a Biblia de Monterrei, hoxendía no Museu Diocesano de Ourense. Os viños diste val teñen boa sona, igual que as augas dos balnearios de Fontenova, Cabreiroá...rivales da veciña Chaves trasmontana e portuguesa...Terras nas que na protohistoria se lle rendía culto ao verraco, ao porco bravo, Taboada Chivite foi un dos grandes etnógrafos de Galicia, coñecedor desta súa terra, Verín.

Laza é un pobo pequeno e labrego do val de Monterrey, na caida da serra de Queixa, presume de conservar ben a as festas populares: o Adan e Eva pola Santa Cruz, no comenzo de Maio, e sobre todo o ciclo do Entroido, onde os "Peliqueiros", e non se lle cham,e de outro xeito, son a máscara tradicional e das máis fermosas e con sona de Galicia, o que se debe á tradición rigurosa e puntual dos viciños. O reparto da bica, a solta do touro ou "morena", hoxe falseado, o testamento do burro, o enterro da sardiña son diferentes partes do seu Entroido, acompañado de batallas sen piedade guindando fariña e formigas que espavilan a mozos e mozas. Velaquí, novamente os ritos lúdicos de iniciación. A forza bruta da tradición invade as normas e costumes do pobo. A sátira e a crítica esta nos cantares e nas escenificacións parateatrais, o teatro máis puro e participativo, onde aínda é posible a catarses esta eiquí.

Os peliqueiros de Laza coidan á perfección e con escrúpulo a "lei" da tradición do Entroido e sobre todo a elegancia e o porte do traxe de Peliqueiro, renegan das imitacións e do intrusismo, e xa houbo desgustos por este motivo. O traxe é verdadeiramente fermoso: chaquetiña curta riveteada e broslada en ouro, roxo e negro ao estilo deciochesco de toureiro goiesco; camisa branca con rechamante garabata ao coello; calzón branco e curto de liño con bandas superpostas de tiras de mil pompóns de algodón pendurados, medias de cor e ligas, zapato negro acharoado...e sobre os ombreiros, atado, o tradicional pano con debuxos barrocos de cachimir, como unha concesión feminina, prenda tradicional que non falla nas máscaras galegas, cedida pola moza...a careta antiga está feita en madeira, as trazas son sobrias,o bico roxo lixeiramente arcado cara arriba, coroada por un "chapeau" napoleónico, semicírculo no que campa a faciana dun animal feroz, para infundir respecto e medo...quizais antigamente o motivo foran símbolos astrais... por detrás pendura a pelica que cobre a testa e que lle da nome a esta singular máscara...o cetro do peliqueiro é a fusta ou látego co que castiga a lostregazos a quen se lle pon por diante do seu camiño, a quen couta a súa lei. Brincan e xemen dun xeito especial, abanean os cadrís e fan bater as grandes chocas que levan no cinto...o domingo, respectuosos, en formación agardan a saída de misa, despois igual desfilan en ritmo que se moven en desbandadas fustigando ou enrrabexándose cos miróns...entran no bar e beben convidados.

Os antropólogos ven no "Peliqueiro" como no "Cigarrón" de Verín a caricaturización dos cobradores de impostos de Monterrey, aos que suman herdos de elementos protohistóricos e mais da creación popular.

Perto, Verín vive o Entroido cunha forza incomparable, nos tres días non hai tregua para durmir ou acougar. A fariña cobreo todo, novamente son símbolo da fecundidade, sustituidos polo talco ou o "conffeti", os desfiles, as comparsas, traballados ao longo do ano conviven coa tradición e a xenialidade da improvisación, todo ser vivente está na rúa, moitos acuden ao sinxelo e práctico capuchón, "facendo Entroido"...

Subindo cara a terras de Zamora, xa nos límites están as terras frías de A Gudiña, de alí era o franciscano Sebastián Aparicio, bo exemplo na cristianización de México, alí venerase en Puebla, foi onde ensinou oficios e introduciu no Novo Mundo a roda e o carro.Sempre houbo relación diste extremo de Galicia con México, a arte popular das terras do Bolo, alfombras de plumas coloreadas, tradicións... son herdo traído das Américas, é o caso da máscara tradicional do "Boteiro" ou peliqueiro que lembra aos da danza da pluma de Oaxaca: camisa con rivetes concéntricos de cores, pantalón roxo, polainas, e sobre todo na testa un moi amplo tocado ramificado xeometricamente que orixinariamente puido ser de plumas ou de flores naturais e que hoxendía é de papeliños suxeitos a un complicado armazón de arameo ou madeira que se artella na careta, feita refundindo un toco de castiñeiro ou carballo, pintada de negro, cos beizos roxos e unha salamandra entre o bico e o bigote...esta máscara impresionante leva un báculo sobre o que se apoian, para nos lameiros, dar unha arriscada viravolta...Madamitos, osos, comparsas xúntanse cos "boteiros" no Entroido de Viana do Bolo, recuperado o domingo pola mañá coa celebración da Festa da Androia, unha das grandes cuchipandas da Galicia gastronómica...Folión de carros, grupos vidos das porroquias, os homes cos seus bombos, as mulleres tintineando coas chaves nas gadañas, sachas e fouces...xuntase todos no máis ancestral e enxebre Entroido.

Ofrécese a tarde e a noite para retornar noso camiño e voltar a Verín, Laza ou Xinzo, fican noites e días, Luns, Martes e Mércores de Cinza, cumprimos así cunha parte significativa do máis singular Entroido galego, non se borrará da memoría e acéndese o desexo de voltar cando pase un ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.