5 de marzo de 2011

O entroido II

O ALMANAQUE FESTIVO DO ENTROIDO

Cando había vagar, no mundo rural dos avós, o Entroido era a celebración festiva que duraba un mes, días presididos polo ídolo de palla ou cartón pendurado derriba dun poste, o "Meco", "Urco", "Momo" ou "Entroido", segundo as bisbarras...ese mesmo "deus" da retranca, do humor e da grtacia sería chamuscado o día do punto final das festas solidarias, co enterro da Sardiña en Mércores de Cinza, para deseguido, paradóxicamente, entrar no tempo do bacallao e a coliflor, a Coresma da meditación persoal e intransferible, tempo necesario para o espíritu empois de darlle renda solta ao corpo.

A festa comenzaba o Domingo de Fareleiro, os mozos e as mozas no seu necesario rito iniciático botaban grao ou farelo, enseñas da semente, do pan, da vida, da fecundidade que enche horreos, move muiños e quenta fornos...seguían as lerias o Xoves de Compadres, novamente os mozos e as mozas arremetían nas provocacións para continuar o Domingo de Corredoiro, verdadeiro tempo para o pregón do Entroido, así o entenden no Lalín do xenial pintor Laxeiro, vila na que celebran a "Festa do Cocido", ou no Csino do Carballiño coa "Festa da Mimosa". Antigamente neste domingo de vísperas "corríase o galo" detrás do que ían os arriscados mozos sorteando todo tipo de probas. O galo é un símbolo solar, coa seu garbo madrugador e súa crista roxa, co seu canto de mencer anunciando as primeiras raiolas do día...e axiña ven o Xoves de Comadres, un día en paralelo ao xoves anterior, as mozas son as que levan a iniciativa no equilibrio tradicional popular....Domingo, Luns e Martes son os días tradicionais da festa, os que nos quedan na xa do Entroido, onde tódalas cousas se poñen de revés: as mulleres vístense de homes, os homes de mulleres, os soldados de xerais, os xerais de soldados, os monaguillos de arcebispos...uns e outros entre máscaras ancestrais herdadas do pasado, recollidas das arcas xunto coas innovacións importadas polos medios de comunicación, o creadas pola sempiterna sabedoría popular, empeñada na sabia lección de facer guerras de leria e humor, de sátira, de luz e policromia xenial para anovar os malos vicios prendidos nas sociedade. A forza da tradición, da natureza, en forma de touro, de oso, ou de monstro raro invade á refinada sociedade urbana, civilizada, consumista...as normas trocan de senso. No Entroido manda o instinto.

E o o fín no Mércores de Cinza, cun enterro na que participan "viúvas", plañideiras,e esperpénticas e choqueiras choronas enterrase a "sardiña" e paradóxicamente éntrase na Coresma das vixilias, do bacallao e da meditación persoal e intransferible. Tomamos a cinza e o ritual relixioso lémbranos que somos terra e á terra voltaremos. Pasará un ano para voltar ao Entroido, pero a rebeldía revélase novamente e xa no seu derradeiro pulo, agora incorporando o mundo urbano outro domingo máis de festa, o Domingo de Piñata, como unha "repesca" festeira e licenciosa xa entrada a corentena da Coresma. Momo, Meco, Urco, Entroido e tódalas máscaras resucitarán, pasado o tempo, como xa o veñen facendo polos séculos dos séculos, é a forza da tradición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.