23 de novembro de 2010

Contos en galego para o iPhone

Editorial Galaxia presentou no Foro Internacional dos Contidos Dixitais de Madrid, os primeiros cinco contos en galego preparados para ser descargados como aplicación para iPad e iPhone. Esta iniciativa, pioneira dentro da edición galega, insírese dentro do proxecto ContoPlanet froito da colaboración entre Editorial Galaxia e a tamén galega Perro Verde Films, coa colaboración tecnolóxica de Milrayas.

Dende a tenda de Apple Store poderán descargarse os contos, con posibilidade de personalización, en galego, castelán e inglés, Puag, que noxo! e Un can no piso!, de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite), Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), Voces na lagoa do espantallo!, de Xan López Domínguez e Conto para non comer, de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide). Durante un tempo promocional, Puag, que noxo! poderá descargarse de balde.

Unha vez que o usuario acceda á librería de ContoPlanet na tenda de Apple, atopará as cubertas de cinco libros da colección Árbore de Galaxia para escoller cal quere descargarse. A partir de aí, o entorno dixital, intuitivo e táctil, pasa a ser protagonista nun produto que permite comentar dende o primeiro instante as sensacións, a un só toque de dedo, nas principais redes sociais (facebook, twitter,...) así como recomendacións a través de email. Existirá tamén a posibilidade de acceder ao catálogo da editorial para mercar o libro físico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.