O libro será o sector no que «menos incidencia» van ter os «xeralizados recortes que a crise trae consigo», sinalou ista semana na inauguración do sexto simposio sobre fomento da lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López. Este situou o traballo da Xunta de Galicia no plano orzamentario, intentando «asentar políticas estables e continuadas de animación; e novas adquisicións de libros e publicacións electrónicas acompañadas dun esforzo pola súa difusión».
O director xeral referiuse á Biblioteca da Cidade da Cultura, e aseverou que «é xa unha realidade que pronto poderemos ver desenvolta con todos os seus fondos e servizos», e que «pode e debe tamén xogar un importante papel na difusión do libro galego e da nosa lingua, na axuda á rede de bibliotecas e á promoción da lectura».
Un total de 80 profesionais do sector deronse cita arredor do sexto Simposio Fomento da lectura: unha fronteira para o libro , que se celebrou no Centro Social Caixanova de Santiago. Un deles, Manuel Bragado, de Edicións Xerais de Galicia, resumía o obxectivo deste en «coñecer as experiencias que arredor do fomento da lectura se están levando a cabo na península Ibérica, fundamentalmente nos ámbitos escolares e no das administracións públicas; así como outras experiencias arredor dun novo fenómeno como é o do voluntariado da lectura, a promoción do hábito desde as universidades, e ese espazo de cambio de mudanza do soporte do libro, así como o propio modelo de lectura». Manuel Bragado considera que todo tempo de crise, como o que se vive actualmente, «é un tempo de oportunidade para a lectura».
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.