25 de outubro de 2010

Fahrenheit 451

de Ray Bradbury

Editado por XERAIS

FICHA TÉCNICA
Título: Fahrenheit 451
Autor: Ray Bradbury
Tradutora: Magdalena Fernández Pérez
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Colección: Fóra de Xogo
Nº páxinas: 208
ISBN: 84-9782-310-9

O AUTOR
RAY BRADBURY
Escritor norteamericano nado en 1920.
Entre os seus textos podemos destacar os libros de relatos O home ilustrado e a novella Fahrenheit 451.
Novelista e poeta, ensaísta, autor de relatos curtos, obras de teatro e guións. Neste ultimo campo podemos citar o da película Moby Dick de John Huston e de varias historias televisivas para Alfred Hitchcock.
Planificou o escenario dunha atracción moi popular de Disney World sobre as viaxes espaciais e tamén o pavillón norteamericano para a Exposición Mundial de Nova York de 1964.
Un dos astronautas da tripulación do Apolo bautizou un cráter co nome de Dandelion en referencia á súa novela Dandelion Wine.

RESUMO ARGUMENTAL
No prefacio, escrito polo autor en 1993, corenta anos despois de publicada a novela, Bradbury describe a orixe desta sintetizándoa na fórmula «cinco saltiños pequenos e un chimpo ben grande. Cinco petardos e un estoupido final.» Cinco pequenos relatos nos que foron saíndo á superficie as ideas que formarán parte desta novela, así coma a personaxe protagonista que vai adquirindo carta de identidade.

Esta novela é un clásico da literatura do século XX. Unha antiutopía na que o absurdo acada elevadas cotas como presentar aos bombeiros queimando en vez de apagando o lume e cargando combustible en vez de auga. Unha antiutopía na que se busca a felicidade absoluta eliminando todo aquilo que poida crear dúbidas ou incertezas, toda relación coa natureza ou coa imaxinación.

451 son os graos Fahrenheit aos que arde o papel. Montag, o protagonista, é un bombeiro dedicado a queimar libros, uns obxectos considerados indesexables para a sociedade. Pero na súa cabeza vanse abrindo fendas na convivencia con Mildred –unha muller que, pese a todo o que ten, non dorme nin é feliz–, aos encontros con Clarisse –unha nena que lle fala de cousas que el esquecera ou das que nunca fora consciente–. Come za a ler e a defender a lectura ata transformarse nun disidente e un prófugo, formando parte dun grupo secreto de libros viventes que se esforzan en transmitir de boca en boca a antiga cultura. Fahrenheit 451 é a súa historia.

Unha novela de anticipación científica que segue asombrando cincuenta anos despois de ser escrita.

Existe versión cinematográfica da novela.

TEMAS E VALORES

• Os libros. No mundo de Montag os libros están prohibidos por considerarse fonte de discordia e infelicidade, pero cóntasenos que, noutros momentos, fórase deixando de ler sen necesidade de que esta acción estivese prohibida.

• O valor da lectura. No prefacio podemos observar a valoración que Bradbury fai da lectura e dos libros, así como das bibliotecas.

• Utopías e antiutopías. Esta lectura pode poñernos en contacto con este xénero de utopías escritas ao longo da Historia, que se desenvolvían en illas remotas e, máis tarde, en lugares ilocalizables nun futuro de ciencia ficción. É daquela cando se transforman en antiutopías, sociedades creadas buscando a felicidade pero que se transforman en pesadelos, en sociedades monstruosas nas que a vida está prisioneira. O paso a outras novelas deste tipo pode resultar interesante, despois de ler esta.

• O absurdo. Bradbury conta como unha das experiencias que dan lugar a este relato o seu encontro cun policía que o increpa por camiñar sen máis, e o relato absorbe esa contradición, ese absurdo, igual que o fixera antes no conto The Pedestrian. Pero esta non é a única referencia ao absurdo.

• A submisión da humanidade aos medios de comunicación, ás drogas e ao conformismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.