29 de febreiro de 2016

Inicio de PARA ESA CARTA QUE GLOSABA A LUIS DE CAMÓES, de Vicente Araguas

Eu tampouco sabería dicer
o porqué as cousas pasan
pois a vida, tal vez,
é un coche de ocasión
mal pintado e con sonido de lata.

...

28 de febreiro de 2016

Fragmento de Erros e Tánatos, de Gonzalo Navaza

Fragmento de Erros e Tánatos, de Gonzalo Navaza, nado en Lalín o 28 de febreiro de 1957.

VIVA A REVOLUCIÓN

Coñecín a Pedro Valeixe, alias Comanche, un sábado do verán do 74 en París, diante dos taboleiros de ofertas de traballo da Misión Española. Levaba a súa guitarra ás costas, pendurada cabeza abaixo, ó xeito dos correcamiños, e vestía unha camiseta portuguesa do 25 de abril coa efixie do Zeca Afonso. Eu tiña outra parecida, cun fusil e un caravel, e lamentei non levala posta aquel día. Os dous buscabámo-lo mesmo tipo de choio: coidar nenos, unhas horas na limpeza ou unha portería nalgún barrio céntrico. Cando me preguntou que estudiaba, expliqueille que acababa de remata-lo COU e que aquel ano empezaba Xeografía e Historia. El díxome que tamén estaba en Santiago. Ia para cuarto de Económicas, nada menos. Logo propúxome tomarmos unhas cañas nun tabac.
...

27 de febreiro de 2016

Inicio de UN FENOMENO INEXPLICABLE

LEOPOLDO LUGONES - UN FENOMENO INEXPLICABLE

Hai disto once anos. Viaxaba pola rexión agrícola que se dividen as provincias de Córdoba e de Santa Fe, provisto das recomendacións indispensables para escapar ás horribles pousadas daquelas colonias en formación.
O meu estómago, derrotado polos invariables salpicóns con hinoxo e as fatais noces da sobremesa, esixía fundamentais refaccións. A miña última peregrinación debía efectuarse baixo os peores auspicios. Ninguén sabía indicarme un albergue na poboación cara a onde ía dirixirme. Con todo, as
circunstancias apremaban, cando o xuíz de paz que me profesaba certa simpatía veu no meu auxilio.
-Coñezo alá, díxome, un señor inglés viúvo e só. Posúe unha casa, o mellor da colonia, e varios terreos de non escaso valor. Algúns servizos que o meu cargo me puxo en situación de prestarlle, serán bo pretexto para a recomendación que vostede desexa, e que se é eficaz proporcionaralle excelente hospedaxe. Digo se é eficaz, pois o meu home, no entanto as súas boas cualidades, adoita ter a súa lúa en certas ocasións, sendo, ademais, extraordinariamente reservado. Ninguén puido penetrar na súa casa máis aló do dormitorio onde instala aos seus hóspedes, moi escasos por outra banda. Todo isto quere dicir que vai vostede en condicións nada vantaxosas, pero é canto podo
fornecerlle. O éxito é puramente casual. Con todo, se vostede quere unha carta de recomendación...

26 de febreiro de 2016

Aristóteles

Todo arte e todo método, e do mesmo xeito toda acción e elección, parecen tender a algún ben: por iso díxose, con razón, que o ben é aquilo a que todas as cousas tenden. 

Aristóteles

25 de febreiro de 2016

Aforismos de Leonardo

228.- O litoral gaña terreo avanzando constantemente cara ao medio do mar. Os escollos ou promontorios se desmoronan e desgastan continuamente. Os mares interiores exporán ao aire os seus fondos e só reservarán unha canle para o río máis caudaloso, que o atravesará correndo ao océano a derramar nel as súas augas, xunto coas de todos os seus afluíntes.

24 de febreiro de 2016

ATRIBUTOS DOS SANTOS II

Dragón: Xurxo, Margarita, Miguel
Espada: Os mártires
Frecha: Sebastián, Ursula
Machada: San Bonifacio, Xosé
Lanza: Xurxo, Apóstolo Tomás
León: Xerónimo, Evanxelista S. Marcos
Libro: Apóstolos, evanxelistas, doutores da Igrexa, Teresa de Ávila
Mitra: Bispos e abades
Neno Xesús: Antonio de Padua, Cristóbal
Organo: Cecilia
Palma: S. Mártires
Pomba: Gregorio o Grande
Pan: Isabel de Turinxia, Nicolás
Grella: Lorenzo
Roda: Catalina de Alexandría
Serpe: Xoan Evanxelista
Tenazas: Ágata
Toro: S. Lucas Evanxelista
Torre: Bárbara

23 de febreiro de 2016

Fragmento das Cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

O viceaxuda acena indulxentemente coa cabeza para se agarrar como sexa ás súas teóricas prerrogativas e, enfeitado co sorriso cómplice dos outros membros do Predirectorio, contesta:
—Amigo, ti tes un grande porvir onda nós e ben o sabes. Non has tardar moito en acadar un importante posto...
O dentista faise o modesto:
—Home, eu...
—Si señor, si. Todos estamos niso... Pois ben, cando ti teñas esa responsabilidade entendera-las razóns polas que hai cousas que deben quedar pechadas en círculos máis ben pequenos. ..
E había algúns que dicían que si e outros que calaban a boca. O certo é que ninguén entendía moito de todo aquilo.
Tamén é certo que todos sabían que era moito mellor non dalo a coñecer.
Chegados a estas alturas da conversa é cando, despois de varios intentos sen éxito, consegue intervir un militante de base,propietario rural, considerable axuda económica nas campañas e pagador de tódalas consumicións que se están a facer nestes intres:
—Isto..., por favor, dicídeme: ¿que é un mar-molubio?
E uns ollaban ós outros nunha invitación muda a que falase alguén.
—E que eu non teño aló moita cultura, ben o sabedes... Ademais ando sempre moi ocupado, os criados das granxas, a cousa dos bancos, os autos das fillas que andan sempre mal de algo... Vexo moito a televisión, iso si, mais nunca sacaron marmolubios que eu saiba...
Era o momento da intervención do secretario segundo:
—Amigo Xosé Ramón, connosco non precisas de te xustificar..., os que témo-la sorte de disfrutar dunha sólida cultura entendemos perfectamente as deficiencias dos demais. Ti es un home apreciado e todos valoramos no que vale o teu televisivo esforzo... Ti a ocuparte das túas cousas e non te compliques que non paga a pena, ¿como anda a túa muller?
—Ben..., xa sabes que as hedras das pernas non lle deixan moito acougo... O caso é que eu quixera sabe-lo que son...
—E as rapazas, ¿como lles vai cos estudios?

...