O viceaxuda acena indulxentemente coa cabeza para se agarrar como sexa ás súas teóricas prerrogativas e, enfeitado co sorriso cómplice dos outros membros do Predirectorio, contesta:
—Amigo, ti tes un grande porvir onda nós e ben o sabes. Non has tardar moito en acadar un importante posto...
O dentista faise o modesto:
—Home, eu...
—Si señor, si. Todos estamos niso... Pois ben, cando ti teñas esa responsabilidade entendera-las razóns polas que hai cousas que deben quedar pechadas en círculos máis ben pequenos. ..
E había algúns que dicían que si e outros que calaban a boca. O certo é que ninguén entendía moito de todo aquilo.
Tamén é certo que todos sabían que era moito mellor non dalo a coñecer.
Chegados a estas alturas da conversa é cando, despois de varios intentos sen éxito, consegue intervir un militante de base,propietario rural, considerable axuda económica nas campañas e pagador de tódalas consumicións que se están a facer nestes intres:
—Isto..., por favor, dicídeme: ¿que é un mar-molubio?
E uns ollaban ós outros nunha invitación muda a que falase alguén.
—E que eu non teño aló moita cultura, ben o sabedes... Ademais ando sempre moi ocupado, os criados das granxas, a cousa dos bancos, os autos das fillas que andan sempre mal de algo... Vexo moito a televisión, iso si, mais nunca sacaron marmolubios que eu saiba...
Era o momento da intervención do secretario segundo:
—Amigo Xosé Ramón, connosco non precisas de te xustificar..., os que témo-la sorte de disfrutar dunha sólida cultura entendemos perfectamente as deficiencias dos demais. Ti es un home apreciado e todos valoramos no que vale o teu televisivo esforzo... Ti a ocuparte das túas cousas e non te compliques que non paga a pena, ¿como anda a túa muller?
—Ben..., xa sabes que as hedras das pernas non lle deixan moito acougo... O caso é que eu quixera sabe-lo que son...
—E as rapazas, ¿como lles vai cos estudios?
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.