7 de decembro de 2017

Aforismos de Leonardo

307.- Oh, investigadores do movemento perpetuo, cantos vans proxectos fraguastes na súa procura! 

Ide en compañía dos inventores da fabricación do ouro.

6 de decembro de 2017

Retomando unha idea

Hai algo mais dun ano iniciamos un proxecto que logo quedou parado: A pequena biblioteca do Centro Universitario de Riazor, en colaboración con INCUDE e outras entidades.
A partir de hoxe xa ten un espazo propio e retomamos a idea.
Como irán publicando unha entrada cada semana e algunha xa quedou publicada neste espazo, será a partir de febreiro que compartamos as entradas ao igual que facemos con outros apartados como xeiras e irmandiños.

5 de decembro de 2017

Inicio do prologo de Canle 12

ADVENIMIENTO EN CANLE DOCE

C. M. KORNBLUTH
Redactado o 18 de xaneiro do 36 D.B.P.
Sínodo de Filtracións e Infiltracións

O pasado mes de novembro cumpriuse o cincuentenario do nacemento dun dos personaxes máis famosos dos Estados Unidos despois do Tío Sam: o rato Mickey.
Un rato en torno ao cal se montou o imperio económico máis potente dos Estados Unidos, só superado quizá pola Ford, a General Motors e algunha outra compañía máis. Esta celebración, que mereceu as máximas honras e a maior publicidade (Mickey foi o primeiro rato que penetrou na Casa Branca para ser recibido polo Presidente! ) pon de actualidade este cruel e burlón relato do gran coautor de Mercadores do Espazo... en cuxos protagonistas non fai falta dicir a quen pode identificarse.

2 de decembro de 2017

Dolmen de Dombate

O dolmen de Dombate é un monumento megalítico situado no lugar de Dombate na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), na comarca de Bergantiños. Construíuse na primeira metade do IV milenio a. C. e a cámara a finais dese mesmo milenio. Foi usado en diferentes épocas e evidenciouse un uso que vai dende o ano 3.800 a.C. ata o 2.700 a.C., momento no que se clausura o monumento. Este dolmen catalógase como unha tumba de corredor e é un dos conxuntos máis importantes de Galicia.
Segundo o experto Xosé María Bello Diéguez, a concentración de dolmens deste tipo na Costa da Morte puido deberse a que estaban relacionados coa riqueza cultural da zona, como na Idade Media estábano as catedrais
No século XIX o historiador Manuel Murguía xa escribe sobre o dolmen, e no ano 1885 o poeta Eduardo Pondal inmortalizouno nun poema en Queixumes dos pinos:

Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola Gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.
—Eduardo Pondal (1885)

Baixo o túmulo coñecido existiu un megálito anterior no tempo, de menor tamaño e complexidade,.

Os ortóstatos da cámara conteñen gravados. Todas as lousas, tanto na cámara como no corredor, contan con pintura. Esta distribúese en dous rexistros horizontais separados por unha banda vermella de puntos vermellos e negros, sendo o conxunto unha composición na que prima a xeometricidade (zigzag, bandas verticais e oblicuas, ondulados, retículas etc.). A cor vermella obtíñase a partir de óxido de ferro e a negra a partir de carbón vexetal, posiblemente aplicados sobre unha imprimación branca a partir de algún tipo de graxa mesturada con caolín.

Tamén se atoparon unha fileira de ídolos, vinte en total, colocados fronte ao corredor e no límite do túmulo e un notable enxoval lítico e cerámico.

No 2008 deuse por perdido o dolmen antigo, o cal era considerado por expertos, como Bello Diéguez, como a característica principal deste dolmen e o que o facía especial e diferente a outros moitos do mundo.

No 2011 completouse a cuberta que protexe ó dolmen da intemperie. O Centro Arqueolóxico foi inaugurado en marzo do 2011. No ano 2012 instalouse unha réplica da cámara no Centro de Recepción de Visitantes, xa que o acceso á orixinal está prohibido para evitar unha maior deterioración do monumento, e contén tódolos detalles do mesmo.

Mais fotos

1 de decembro de 2017

O estalido

Por que estala na primavera de 1467 a insurrección galega da xente común? Os de abaixo, din eles mesmos, "non podían resistir" os agravios e as violencias e os tributos dos señores das fortalezas; os de arriba, con evidencia, non podían seguir gobernando da mesma maneira que no pasado.

Hai que dicir que a anarquía nobiliar é anterior ao levantamento xeral dos vasallos contra os seus señores. Resulta incuestionable a incapacidade histórica da nobreza galega, a finais da Idade Media, para gobernar o reino e exercer o seu dominio social sen  unha violencia física desmesurada, respectando costumes  e leis, isto é, conservando o respecto dos seus vasallos, o apoio da Igrexa, e, sobre todo, a unidade da clase señorial galega e o amparo da monarquía castelá. A revolución irmandiña é a consecuencia do fracaso irreversible dunha clase dirixente.

Carlos Barros