O Museo do Ferrocarril de Galicia está situado en Monforte de Lemos, provincia de Lugo.
A visita a este museo nas antigas instalacións ferroviarias que no seu día albergaron un dos máis importantes depósitos de tracción vapor do norte de España, resulta moi entretida.
Monforte coa chegada do tren converteuse no principal nó ferroviario de Galicia e dende a estación monfortina distribuíase, cara aos eixos Lugo-Ferrol-A Coruña e Ourense-Vigo, o crecente tráfico de viaxeiros e mercadorías que entraba en Galicia procedente de Castela e Cataluña e tamén do que saía de chan galego cara a esas rexións.
As instalacións de RENFE, aínda na actualidade, son as máis extensas que a empresa ten na Comunidade galega, cunha superficie de máis de 270.000 metros cadrados. A pesar de que foi perdendo este pulo, foi un dos berces do ferrocarril en Galicia.
E alí, a Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, promove e xestiona o MUSEO DO FERROCARRIL DE GALICIA.
Destaca unha nave circular cun deseño propio da arqueoloxía industrial de principios do século XX e unha praia con 40 vías que se enlazan a través dunha ponte xiratoria que se utiliza tamén para inverter a marcha da locomotora de vapor.
Unha das pezas mais interesantes é a locomotora de vapor "Mikado", construída en 1953 na Gran Bretaña en Glasgow, Escocia. Foi adquirida por RENFE e prestou servizo ata o 1975. Evitouse o seu despezamento ao asignarse, en 1980, ao Museo Nacional do Ferrocarril. En 1983 foi reparada para ser empregada no tren turístico "da fresa" que circula entre Madrid e Aranjuez.
Outra curiosidade e o coche salón ou presidencial; un vagón con caixa de madeira construído en Beasaín en 1929 para o director da Compañía dos Ferrocarrís do Norte. Dispón dun salón, dormitorio con gabinete de traballo, aseo con ducha, cociña e compartimento de acompañantes. Está dotado con calefacción, aire acondicionado e teléfono.
Mais fotos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.