Diego de Andrade foi un nobre galego, fillo de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, de quen herdou os señoríos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Os Reis Católicos outorgáronlle o título de Conde de Vilalba. A pesar dos territorios familiares, os Andrade eran entón unha casa abaixada, polo que buscaron un bo casamento, como foi con María das Mariñas, filla primoxénita de Gómez Pérez das Mariñas, o que lle deu a posesión das terras das Mariñas dos Condes e as dos Frades, que formaron a xurisdición de Miraflores. Isto fixo a Diego de Andrade señor dun gran territorio que abarcaba as terras comprendidas entre A Coruña, Ferrol e Vilalba.
Nos inicios da revolta irmandiña Diego de Andrade tentou de fuxir a Castela por medo á irmandade, mais foran presos pola condesa de Ribadavia. Recuperada a liberdade logo de dous anos de cadea e morto xa seu pai, tomou nunha noite a fortaleza de Pontedeume, en poder do arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca. Así mesmo, prendeu na fortaleza de Pontedeume a un dos xefes da revolta, Pedro Osorio, finando nela. Deste xeito quedou descabezado o movemento irmandiño pois xa morrera Alonso de Lanzós. O tercceiro home forte dos irmandiños, Diego de Lemos, morreu de morte natural na súas posesións en Ferreira.
Finalizada a guerra irmandiña, os nobres galegos coaligáronse para restauraren o seu anterior poderío e reedificaren as fortalezas. O arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca non vía con bos ollos esta alianza pois supuña unha ameaza ao seu poder. Na reedificación da fortaleza de Altamira, capital dos estados de Lope Sánchez de Moscoso, o arcebispo, coa axuda do seu irmán, Luís de Acevedo, tentou expulsar aos que estaban reedificando a fortaleza.
O señor de Altamira pediu axuda aos nobres galegos e ao seu chamado acudiron Diego de Andrade, co seu sogro Gómez Pérez das Mariñas, Sancho Sánchez de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos. O enfrontamento, coñecido como a Batalla de Altamira tivo lugar o 13 de xuño de 1471 e rematou coa vitoria dos nobres.
Diego de Andrade morreu durante a súa participación na conquista de Granada e como moitos dos seus devanceiros foi soterrado no mosteiro de Monfero.
Do seu casamento con María das Mariñas tivo un fillo e dúas fillas: Fernando, Tareixa e Violante. Fernando herdou o señorío do seu pai.
Como curiosidades podemos dicir que na batalla de Altamira, Gómez Pérez das Mariñas tomou partido polo seu xenro Diego de Andrade, casado coa súa filla María, e en contra dos intereses doutro xenro Luis de Acevedo, casado coa súa filla Xenebra. Por outra banda a filla de Diego de Andrade, Tareixa, casou con Rodrigo Osorio de Moscoso, quen era fillo do xefe irmandiño Pedro Osorio, executado como vimos por Diego de Andrade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.