27 de xuño de 2017

Fragmento de Males de Cabeza

Un texto de Francisco Alonso Villaverde, nado en Vigo o 27 de xuño de 1963, escritor galego.

O fareiro

O fareiro, na súa soidade, nunca estaba tranquilo. Miraba para aquel mar que odiaba con toda a súa alma e deprimíase. Tiña demasiado tempo para pensar e moi poucas cousas que facer. De todos os xeitos, o sentimento de incomunicación que o atenazara había anos xa non planaba sobre el coma unha banda de corvos negros, pois agora ía xantar e durmir á casa a diario. No faro, a maior parte do tempo ocupábao en ler novelas de ciencia-ficción, as únicas que o distraían e lle facían algo de chiste. Unha vez por mes quedaba a pasar a noite alí —iso era o que máis lle custaba-, vixiando o sistema de funcionamento da lanterna. Por veces botaba unha cabezadiña, por veces deixábase engaiolar mirando, apampanado, a distancia á que chegaba o potente chorro de luz do faro, e por veces entretíñase escoitando a radio, aínda que a esas horas o único que poñían era música e, a iso das catro, o programa Almas Perdidas. Non era que lle entusiasmase, e de feito escoitábao con certa desidia, porque non o convencían os temas empalagosos que a locutora trataba, pero tíñalle certo morbo pois estaba seguro de que detrás daquela voz melodiosa debía agacharse un apetecible corpo de azucre.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.