20 de xuño de 2017

Construcións funerarias: primeiras manifestacións da arquitectura exipcia.

Construcións funerarias: primeiras manifestacións da arquitectura exipcia

As tumbas das primeiras dinastías atópanse en Abydos. Son tumbas de madeira e ladrillo escavadas en fosos que teñen falsa bóveda de pedra. A estas construcións engádense cámaras para colocar as ofrendas e o axuar funerario, composto de numerosos e variados artigos: armas, vaixelas, ornamentos e espátulas talladas con formas animais. Ademais, inclúense alimentos (gran, cervexa, aceite) para atender ás necesidades do defunto.

O rei era o representante de todo o pobo, o intermediario entre os homes e os deuses. Se se garantía a supervivencia do rei, quedaba pois resgardada tamén a vida de todos os demais grupos e a continuidade, por tanto, do ciclo anual do Nilo co desbordamento das súas augas. Os ritos funerarios cobraron importancia a medida que os administradores e nobres desexaron ter tamén un enterramento semellante ao do rei, que lles asegurase a vida eterna. Esta é a orixe e desenvolvemento das mastabas, forma habitual da arquitectura funeraria das clases altas. Se nun principio os cemiterios estaban no interior das cidades, coa adopción do culto destinado á vida eterna, as mastabas agrupáronse formando rúas de trazado regular. Estas constituían auténticas cidades dos mortos afastadas do centro urbano. Ao mesmo tempo, cristalizaron tres principios que rexerían no futuro as prácticas funerarias e que se manterían inalterables ao longo de toda a historia de Exipto: o mantemento permanente do corpo do defunto, a necesidade de que o material da sepultura fose imperecedero e a alimentación do ka para que este puidese subsistir.


Ningún comentario:

Publicar un comentario