9 de abril de 2017

A princesa do guisante

Hans Christian Andersen
A princesa do guisante


Érase unha vez un príncipe que quería casar cunha princesa, pero que fose unha princesa de verdade. Na súa busca percorreu todo o mundo, mais sempre había algún pero. Princesas había moitas, mais nunca lograba asegurarse de que o fosen de verdade; cada vez atopaba algo que lle parecía sospeitoso. Así regresou á súa casa moi triste, pois estaba empeñado en atopar a unha princesa auténtica.Unha tarde estalou unha terrible tempestade; sucedíanse sen interrupción os raios e os tronos, e chovía a cachón; era un tempo espantoso. Nestas chamaron á porta da cidade, e o ancián Rei acudiu a abrir. Unha princesa estaba na porta; pero santo Deus, como a puxeron a choiva e o mal tempo! A auga lle chorreaba polo cabelo e os vestidos, metíaselle polas canas dos zapatos e saíalle polos tacóns; pero ela afirmaba que era unha princesa verdadeira.
"Pronto o saberemos", pensou a vella Raíña, e, sen dicir un chío, foise ao dormitorio, levantou a cama e puxo un guisante sobre a tea metálica; logo amontoou encima vinte colchóns, e encima destes, outros tantos cobertores.
Nesta cama debía durmir a princesa.
Pola mañá preguntáronlle que tal descansara.
- Oh, moi mal! -exclamou-. Non peguei un ollo en toda a noite. Sabe Deus o que habería na cama! Era algo tan duro, que teño o corpo cheo de cardeais! Horrible!.
Entón viron que era unha princesa de verdade, posto que, a pesar dos vinte colchóns e os vinte cobertores, sentira o guisante. Ninguén, senón unha verdadeira princesa, podía ser tan sensible.
O príncipe tomouna por esposa, pois se convenceu de que casaba cunha princesa feita e dereita; e o guisante pasou ao museo, onde pode verse aínda, se ninguén llo levou.
Isto si que é unha historia, verdade?.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.