A cerámica. A estilización dos motivos. Os primeiros relevos. As tumbas.
Entre o V e o IV milenio a.C. desenvolvéronse diversas culturas neolíticas dispersas entre o delta e o val do río Nilo, coñecidas polos abundantes restos arqueolóxicos atopados en localidades do norte do país como O Fayum, Merimde e O Omari, ou do sur, como Badari, Amrah e Gerzeh. Trátase de culturas agrícolas que, con todo, coñecían os metais. Esporadicamente utilizábase o cobre e mesmo o ferro, aínda que neste caso traballado na súa forma natural, sen un proceso de fundición.
A cerámica
Nesta etapa tivo lugar un gran desenvolvemento da cerámica, nun principio lisa, vermella, negra ou parda, con decoración incisa. Posteriormente, decorouse tamén os recipientes con pintura de cor branca e representacións figurativas: animais, vexetais, figuras humanas e motivos abstractos (liñas cruzadas na súa maioría). Para as composicións distribuíronse as figuras animais (hipopótamos, crocodilos, leóns, elefantes ou bois), pintadas con trazos rectos moi sinxelos, inspirados nos traballos de cestaría e trenzado de tecidos.
Cara a mediados do IV milenio a.C. estendeuse por todo o val un tipo de cerámica que perduraría ata a época das primeiras dinastías. Trátase da olaría característica da cultura de Negade II, procedente do sur, con motivos trazados en liñas de cor vermella sobre un fondo claro tostado. Este tipo de cerámica representa motivos xeométricos (círculos, retículas e liñas sinuosas), ocupando toda a superficie das vasillas, ou combinacións con figuras humanas ou animais moi esquemáticas, de trazos lineais moi simples. Abundan tamén as representacións de embarcacións con numerosos remos navegando nas augas do río. Os barcos teñen cabinas, estandartes e abanicos en forma de palma que debían ser os distintivos dos diferentes poboados. A proliferación de escenas con embarcacións demostra tanto a importancia do Nilo -cuxo tráfico fluvial foi intenso desde os primeiros asentamentos- como o interese por plasmar escenas cotiás en vasillas de uso corrente. Xunto a estas representacións houbo, sen dúbida, pinturas parietais pero, a ausencia de restos, non permite establecer unha comparación que complete os primeiros repertorios de formas. Só sobreviviu unha pintura en Hieracómpolis (cidade do sur), na que se plasmaron os mesmos motivos que na olaría.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.