8 de febreiro de 2016

LICOR 43

LICOR 43

O outro día entre amigos manifestei a miña inquedanza polo feito de que a xente sempre me bota máis anos dos que teño, e isto vén de hai un par de décadas, non das miñas últimas entradas e canas. Recibín un agarimoso e ben intencionado consello triplo: baixa de peso, cambia o peiteado e leva roupa máis xuvenil.
Encher a miña vida de camisas de cadros por fóra do cinto, de zapatillas deportivas de marca, tunear o pouco pelo que me vai quedando, embadurnarlo en tresemmé, facer deporte, running, pádel, picar menos, deixar o chocolate, o fuet, o queixo de tetilla, non son opcións reais, coñézome. Así que optei, finalmente, por limitarme a levar por fóra as miñas camisas grises, subir polas escaleiras unha vez ao día e non abusar do turrón brando este mes.
Son medidas prudentes, seino, moi estilo Rajoy en modo campaña. O que pasa é que eu, no fondo, sempre me sentín novo por dentro, un Errejón volto do revés. O truco de beleza que me queda, aos meus 43, a miña crema interior antiarrugas, é a curiosidade, o humor libre e unhas pingas de optimismo e sensibilidade romántica que acabarán levándome á tumba, máis tarde que pronto, espero.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.