30 de maio de 2015

Centenario de A metamorfose (XII)

Había un bo intre que terminara e permanecera estirado perezosamente no mesmo sitio, cando a irmá, sen dúbida para darlle tempo a retirarse, empezou a virar lentamente a chave. A pesar de estar medio durmido, Gregorio sobresaltouse e correu a ocultarse de novo debaixo do sofá. Para permanecer alí, aínda que só foi o breve tempo que a súa irmá estivo no cuarto, tivo que facer esta vez gran esforzo de vontade, pois, a consecuencia da abundante comida, o seu corpo avulárase o suficiente como para que apenas puidese respirar naquel reducido espazo. Un tanto sufocado, contemplou cos ollos desorbitados como a súa irmá, allea ao que lle sucedía varría non só os restos da comida, senón tamén os alimentos que Gregorio non tocara, coma se xa non puidesen aproveitarse. E viu tamén como o tiraba todo a un cubo, que pechou cunha tapa de madeira. Apenas se marchou a súa irmá co cubo,
Gregorio saíu do seu agocho, estirouse e respirou profundamente.

Desta maneira recibiu Gregorio, día tras día, a súa comida: unha vez pola mañá cedo, antes de que se levantasen os seus pais e a criada, e outra despois do xantar, mentres os pais durmían a sesta e a criada saía a algún recado ao que a mandaba a irmá. Sen dúbida os seus pais tampouco querían que Gregorio morrese de fame; pero talvez non puidesen soportar o espectáculo das súas comidas, e era mellor que só tivesen noticias delas a través da irmá. Talvez tamén quería esta aforrarlles un sufrimento extra.

Gregorio non puido pescudar con que desculpas despediran a primeira mañá ao médico e ao cerraxeiro. Como ninguén lle entendía, ninguén pensaba, nin sequera a súa irmá, que el puidese entender aos demais. Tiña, pois, que contentarse, cando a súa irmá entraba no seu cuarto, con ouvila xemir e laiarse. Máis adiante, cando ela afíxose un pouco á nova situación (desde logo non se podía esperar que se afixese por completo), Gregorio empezou a notar nela certos indicios de amabilidade.
«Hoxe si que lle gustou», dicía, cando Gregorio apurara a comida; mentres que no caso contrario, cada vez máis frecuente, adoitaba dicir apenada: «Vaia, hoxe deixouno todo.»

Ningún comentario:

Publicar un comentario