6 de agosto de 2011

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XXXIV).

8. «Mobilis in mobile»

Ese rapto tan brutalmente executado realizouse coa rapidez do lóstrego, sen dares tempo nin aos meus compañeiros nin a min de efectuar observación algunha. Ignoro o que eles puideron sentir ao ser introducidos naquela prisión flotante, pero a min percorreume a epidermis un xeado calafrío. Con quen teriamos que habérnolas? Sen dúbida con piratas dunha nova especie que explotaban o mar ao seu xeito.
Nada máis pecharse a estreita escotilla envolveume unha profunda escuridade. Os meus ollos, aínda cheos da luz exterior, non puideron distinguir cousa algunha. Sentín o contacto dos meus pés descalzos cos banzos dunha escaleira de ferro. Ned Land e Conseil, vigorosamente atrapados, seguíanme. Ao pé da escaleira abriuse unha porta que se pechou inmediatamente tras nós con estrépito.

Estabamos sós. Onde? Non podía dicilo, nin apenas imaxinalo. Todo estaba escuro. Era tan absoluta a escuridade que, tras algúns minutos, os meus ollos non puideran percibir nin unha desas mínimas e indeterminadas claridades que deixan filtrarse as noites máis pechadas.

Furioso ante tal forma de proceder, Ned Land daba renda solta á súa indignación.
-Por mil diaños! -exclamaba-. Velaquí unha xente que podería dar leccións de hospitalidade aos caledonianos. Non lles falta máis que ser antropófagos, e non me sorprendería que o fosen. Pero declaro
que non deixarei sen protestar que me coman.
-Tranquilo, amigo Ned, acougue -dixo mansaniñamente Conseil-. Non se sulfure antes de tempo. Aínda non estamos na grella.
-Na grella, non -respostou o canadense-, pero si no forno, iso é seguro. Isto está bastante negro. Afortunadamente, conservo o meu coitelo e vexo o suficiente como para servirme del. Ao primeiro destes bandidos que me poña a man encima...
-Non se irrite vostede, Ned -díxenlle-, e non nos comprometa con violencias inútiles. Quen sabe se nos estarán escoitando! Tratemos máis ben de saber onde estamos.
Camiñei ás apalpadelas e aos cinco pasos topeime cun muro de ferro, feito con ferros atornillados. Ao volverme, choquei cunha mesa de madeira, preto da cal había unas cantas banquetas. O piso daquel calabozo estaba tapizado cunha espesa esteira de cáñamo que amortecía o ruído dos pasos. Os muros espidos non ofrecían indicios de portas ou xanelas. Conseil, que dera a volta en sentido oposto, uniuse a min e volvemos ao centro da cabina, que debía ter uns vinte pés de longo por dez de ancho. En canto á súa altura, Ned Land non puido medila a pesar da súa elevada estatura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.