31 de maio de 2016

Fragmento de Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro

Na área xeográfica do Noroeste peninsular que vai desde o río Douro deica o Cantábrico —rexión xeográfica claramente diferenciada—, houbo desde os máis recuados tempos prehistóricos unha presencia e unha unidade cultural da que aínda perduran abundantes testemuños. As ondas étnico-culturais que ascendían do Sur e as que, procedentes de Europa, sobardaban polos Pirineos, ían chegando a este país distante, afastado, finistérrico, isolado por esgrevias cadeas montañosas, e íanse remansando, sedimentando, fundindo unhas con outras. Nese acontecer, produciuse sempre un dobre proceso: por unha banda, a recepción, a asimilación das correntes que chegan; por outra banda, a persistencia de estructuras e formas indíxenas queinflúen e modifican esas correntes que van chegando. Esta forza de persistencia de certas formas, de certas pautas que poderiamos chamar indíxenas, é a que lle dá esa fasquía arcaizante que sempre caracterizou a cultura desta área xeográfica.

Os romanos recoñeceron a personalidade étnico-cultural do Noroeste peninsular e déronlle estructuración político-administrativa ó convertelo nunha das provincias do Imperio. E déronlle tamén o nome —Gallaetia—, que chegou ós nosos días. A romanización subiu do Sur, ascendeu da Bética a Mérida, a Brácara, a Lucus e a Astúrica. A Galecia —o territorio dos galegos— tiña para os romanos dous centros importantes: Braga, na Galecia do Sur, e Lugo, na Galecia do Norte. Pero o centro cultural da romanización era Braga, como ocorreu máis tarde coa cristianización, que seguiu o mesmo camiño, pois tamén tiña en Braga o seu foco principal de irradiación.

...

30 de maio de 2016

O PODER AO LADO ESCURO

O PODER AO LADO ESCURO

Que os presidentes de Ausbanc e Mans Limpas fosen detidos hoxe por extorsionar a empresas e persoas en plan "dáme xxmil euros e retíroche a querela" paréceme aínda máis grave que o do Ministro Soria-offshore, ao que o cargo fai moito que quedaba grande.

Que supostos xusticieiros, defensores de causas nobres, robinhoods contemporáneos, acaben caendo á beira máis escura é descorazonador e dá fe do estado de colapso e caruncho das elites do noso país, de como o diñeiro e o poder corrómpeno todo. De Mario Conde xa nin falo, na súa obscena avaricia non foi capaz nin de protexer aos seus (ou estes sufrían do mesmo pecado capital sumado á preguiza: querer vivir a corpo de rei do diñeiro roubado por papá).

Non quedan referencias en quen mirarse... ou si, pero están baixo terra. Ao fío dicía o bo de José Luís Sampedro nunha entrevista que "na miña vida só pretendín ser honesto, dedicado e intenso."

E foino. Un gran faro, tres adxectivos para tomar nota: honesto, dedicado e intenso.

Feliz finde guapísimos e guapísimas, que a Forza vos acompañe.

DGM

29 de maio de 2016

Fragmento de Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz.

Texto de Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947.

Eu estaba totalmente convencido de que era o mellor de todos os que nos dedicabamos a este oficio, e iso que agora hai bastante competencia. Afeito a que as cousas me saísen sempre ben, consideraba que a palabra fracaso quedara borrada para sempre do meu vocabulario. Pero todo cambiou desde o día en que recibín aquela estraña visita. Claro que, se o vou contar, será mellor que empece polo primeiro.

...

28 de maio de 2016

Inicio de O MECÁNICO

O MECÁNICO
Harry Harrison

O vello tiña cara de poucos amigos, o cal significaba que alguén ía pasar un mal intre. Dado que estabamos sós, non se necesitaba unha gran dose de intelixencia para imaxinar que ese alguén sería eu. Adianteime a falar, por aquilo de que a mellor defensa é un bo ataque.

- Márchome. Non se moleste en dicirme o desagradable traballo que inventou para min, posto que me marcho, e non quererá vostede revelarlle os segredos da compañía a unha persoa que deixou de pertencer a ela...

O rostro do vello distendeuse nun amplo sorriso e pareceume ouvirlle cloquear mentres pulsaba un botón do seu escritorio. Un dos caixóns da mesa abriuse e o vello sacou del un groso documento legal.

- Este é o seu contrato - dixo -. Establece como e até cando traballará vostede aquí. Un contrato encadernado en aceiro e vanadio que non podería vostede romper cunha trituradora molecular.

Inclineime rapidamente, collín o contrato e lanceino ao aire cun só movemento. Antes de que chegase ao chan desenfundara o meu Solar e, disparando contra el, reducino a cinzas.

...

27 de maio de 2016

Aristóteles

O avaro é o que non gasta no que debe, nin o que debe, nin cando debe.

Aristóteles

26 de maio de 2016

Aforismos de Leonardo

238.- Aclaremos, para terminar, a dúbida de se o diluvio acaecido na época de Noé foi universal ou non. Diremos as razóns que demostran que non o foi. Segundo o relato bíblico, o diluvio consistiu nunha choiva universal e continua que durou corenta días e corenta noites e elevou o nivel das augas seis cóbados por encima do monte máis alto da Terra; e se efectivamente a choiva foi universal, ela envolveu coas súas augas a nosa Terra dándolle unha figura esférica. Pero unha superficie esférica ten todos os seus puntos equidistantes dun centro, de onde resulta que a auga nas condicións expresadas non podía moverse, porque a auga só se move descendendo. Como, pois, puido a auga do diluvio escurrirse, se todo movemento estáballe vedado, segundo acabamos de demostralo? A falta de razóns naturais, hai que apelar ao milagre para resolver a dúbida, ou dicir que a auga foi evaporada polo Sol. 

25 de maio de 2016

Arte

O Paleolítico. Os albores da arte.

A través da arte o home manifesta a necesidade de comunicarse co mundo que lle rodea. O desexo de dar forma á emoción e ao pensamento queda establecido desde que o ser humano aparece na Terra.

Representar é substituír unha realidade por outra de diferente natureza. Suponse, pois, que as primeiras imaxes deberon aparecer ao mesmo tempo que o home desenvolveu a capacidade para pensar e abstraer.

A harmonía de formas atópase nas máis sinxelas formacións vexetais, nas pedras ou en calquera
azar caprichoso da natureza.
 
Dos efectos ou emocións que estas formas orixinaron nos antepasados dos humanos sábese realmente pouco, pois non se dispón de fontes que permitan deducir se nos primeiros homínidos xa existía unha admiración polo visual. Con todo, grazas aos achados atopados dedúcese o interese do home primitivo por certos obxectos naturais como pedras ou dentes de animais.