30 de xuño de 2013

AFONSO X [B 476]

AFONSO X [B 476]

Non quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.

Non quer'eu donzela fea
e negra come carvón,
que ant'a mia porta pea
nen faça come sisón.
Non quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.

Non quer'eu donzela fea
e velosa come can,
que ant'a mia porta pea
nen faça come alermã.

Non quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.

Non quer'eu donzela fea
que ha brancos os cabelos,
que ant'a mia porta pea
nen faça come camelos.

Non quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.

Non quer'eu donzela fea,
velha de maa coor,
que ant'a mia porta pea

nen me faça i peior
Non quer'eu donzela fea
que ant'a mia porta pea.

29 de xuño de 2013

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XX)

Debiamos estar xa moi preto de Suez, segundo os meus cálculos. A través dos cristais do salón, vía os fondos de roca vivamente iluminados pola nosa luz eléctrica. Parecíame que o estreito ía pechándose cada vez máis. As nove e cuarto emerxeu novamente o Nautilus. Impaciente por franquear o túnel do capitán Nemo, non podía eu estarme quedo e subín á plataforma a respirar o aire fresco da noite. Na escuridade vin unha pálida luz que brillaba, atenuada pola bruma, a unha milla de distancia.
-Un faro flotante -dixo alguén preto de min.
Volvinme e recoñecín ao capitán.
-É o faro flotante de Suez -engadiu-. Non tardaremos en chegar ao túnel.
-Supoño que a entrada non debe ser fácil.
-Non. Por iso, son eu quen asegura a dirección do barco tomando o temón. E agora rógolle que baixe, señor Aronnax, pois o Nautilus vai mergullarse para non reaparecer á superficie até despois de atravesar o Arabian Tunnel.
Seguín ao capitán Nemo. Pechouse a escotilla, enchéronse de auga os depósitos e o navío mergullouse unha decena de metros. No momento en que me dispuña a volver ao meu camarote, o capitán detívome.
-Gustaríalle acompañarme na cabina do piloto, señor profesor?
-Non me atrevía a pedirllo -respondín.
-Veña, pois. Así verá todo o que pode verse nesta navegación á vez submarina e subterránea.
O capitán Nemo conduciume cara á escaleira central. A media rampla, abriu unha porta, introduciuse polos corredores superiores e chegou á cabina do piloto que se elevaba na extremidade da plataforma. As dimensións da cabina eran duns seis pés por cada lado, e era moi semellante á dos steamboats do Mississippi ou do Hudson. No centro estaba a roda, disposta verticalmente, engranada nos guardins do temón que corrían até a popa do Nautilus. Catro portillas de cristais lenticulares encaixadas nas paredes da cabina daban visibilidade ao temoneiro en todas direccións. Pronto os meus ollos afixéronse á escuridade da cabina e vin ao piloto, un home vigoroso que manexaba a roda. O mar estaba vivamente iluminado polo foco do fanal situado máis atrás da cabina, no outro extremo da plataforma.
-Agora -dixo o capitán- busquemos o noso paso.
Unha serie de cables eléctricos unían a cabina do temoneiro coa sala de máquinas, e desde alí o capitán podía comunicar simultaneamente dirección e movemento ao seu Nautilus. O capitán Nemo oprimiu un botón metálico, e ao instante diminuíu a velocidade de rotación da hélice. En silencio, eu miraba a alta e escarpada muralla ante a que iamos pasando, basamento inquebrantable do macizo arenoso da costa. Continuamos así durante unha hora, a uns metros de distancia tan só. O capitán Nemo non perdía de vista o compás, e a cada xesto que facía, o temoneiro modificaba instantaneamente a dirección do Nautilus. Eu coloqueime ante a portilla de babor, e por iso vía magníficas aglomeracións de corais e zoófitos, algas e crustáceos que axitaban as súas patas enormes entre as anfractuosidades da roca.
As dez e cuarto, o capitán Nemo púxose el mesmo ao temón. Ante nós abríase unha longa galería, negra e profunda. O Nautilus penetrou audazmente por ela. Ouvín un ruído insólito nos seus flancos. Eran as augas do mar Vermello que a pendente do túnel precipitaba cara ao Mediterráneo. O Nautilus confiouse ao torrente, rápido como unha frecha, a pesar dos esforzos da súa maquinaria que, para resistir, batía a auga a contrahélice. Ao longo das estreitas murallas do paso, non vía máis que raias brillantes, liñas rectas, surcos luminosos trazados pola velocidade baixo o resplandor da electricidade. O meu corazón latexaba con forza e eu suxeitaba os seus latexados coa man.
As dez trinta e cinco, o capitán Nemo abandonou a roda do gobernalle e volvéndose cara a min, dixo:
-O Mediterráneo.
En menos de vinte minutos, arrastrado polo torrente, o Nautilus había franqueado o istmo de Suez.

28 de xuño de 2013

HERMANN HESSE - A LENDA CHINESA

HERMANN HESSE - A LENDA CHINESA

Isto cóntase acerca de Meng Hsie.

Cando soubo que ultimamente os artistas novos exercitábanse en colocarse cabeza abaixo, dicían que para ensaiar unha nova visión, inmediatamente Meng Hsie practicou tamén este exercicio. E despois de probalo un intre declarou aos seus discípulos:

- Cando me coloco cabeza abaixo vexo o mundo baixo un aspecto novo e máis fermoso.

Isto comentouse, e os novos artistas se ufanaban non pouco de que o ancián mestre apoiase así os seus experimentos. Sabíase que apenas falaba, e que ensinaba aos seus discípulos non mediante doutrinas senón coa súa simple presenza e o seu exemplo. Por iso as súas manifestacións chamaban moito a atención e difundíanse por todas partes.

Pouco despois de que aquelas palabras súas fixera as delicias dos innovadores e sorprendido e mesmo indignado a moitos dos antigos, sóubose que falara outra vez. Contaban que dixera:

- É bo que o home teña dúas pernas, porque porse cabeza abaixo non favorece a saúde. Ademais, cando se incorpora o que estivo cabeza abaixo o mundo aprece dobremente máis fermoso que antes.

Estas palabras do mestre escandalizaron aos mozos antipodistas, que se sentiron traizoados ou burlados, e tamén aos mandarins.

- Tal día di Meng Hsie tal cousa, e ao día seguinte di o contrario -comentaban os mandaríns-. É imposible que ambas sexan verdadeiras. Quen fai caso do ancián cando lle fraquea o entendemento?

Algúns foron a contarlle ao mestre o que dicían del tanto os innovadores como os mandaríns. El limitouse a rir. E como os seus seguidores demandaran unha explicación, dixo:

- A realidade existe, pequenos meus, e esa é incontrovertible. Verdades, en cambio, é dicir, opinións acerca da realidade expresadas mediante palabras, hai moitas, e todas elas son tan verdadeiras como falsas.

E por moito que insistiron, os discípulos non conseguiron sacarlle unha palabra máis.

27 de xuño de 2013

26 de xuño de 2013

AFONSO X [B 493 / V 76]

AFONSO X [B 493 / V 76]

Ao daián de Cález eu achei
livros que lhe levavan d'aloguer;
e o que os tragía preguntei
por eles, e respondeu-m'el: «Senher,
con estes livros que vós veedes dous
e conos outros que el ten dos sous,
fod'el per eles quanto foder quer.

E aínda vos end'eu máis direi:
macar no leito muitas el tever,
por quanto eu de sa fazenda sei,
con os livros que ten, non ha molher
a que non faça que semelhen grous
os corvos, e as aguias babous,
per força de foder, se x'el quiser.

Ca non ha máis, na arte do foder,
do que enos livros que el ten jaz;
e el ha tal sabor de os leer,
que nunca noite nen día al faz;
e sabe d'arte do foder tan ben,
que cõnos seus livros d'artes, que el ten,
fod'el as mouras cada que lhi praz.

E máis vos contarei de seu saber,
que cõnos livros que el ten i faz:
manda-os ante si todos trager,
e pois que fode per eles assaz,
se molher acha que o demo ten,
assí a fode per arte e per sén,
que saca dela o demo malvaz.

E, con tod'esto, aínda faz al
conos livros que ten, per bõa fe:
se acha molher que haja o mal
deste fogo que de San Marçal é,
assí a vai per foder encantar
que, fodendo, lhi faz ben semelhar
que é geada ou nev'e non al».

25 de xuño de 2013

Inicio de Memorias dun Neno Labrego, de Xosé Neira Vilas

EU SON...

BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.
No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.
No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.
¡Que saben desto os nenos da vila!

24 de xuño de 2013