14 de setembro de 2013

Fragmento de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor

Eduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego. En 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.

Xa feita a cousa, eu, por min, non me houbera movido de alí. Estábase moi ben, ó quente, manxando, bebendo e ouvindo as chuscadas dos tratantes ó pé da lareira co seu bo lumazo de mollos facendo esboirar as castañas, mentres afora chovía a Deus dala. Pro o Milhomes andaba teso, coa cachola degolada pra atrás, coma ollando pra o aer, e o colo metido entre os ombreiros coma un xorobado.

...

13 de setembro de 2013

Inicio de CARNE DE CAÑÓN

CARNE DE CANÓN
Sergio Gaut Vel Hartman

Convocárono mediante unha telegrama moi formal, pero el sentiuse coma se arrincárono da cama, espido e sen a dentadura postiza. Concentrárono, xunto cun centenar de homes como el, nunha barraca maloliente; déronlles roupa adecuada, fusiles láser, algunhas granadas e paquetes de tabletas alimenticias. 
- Ao monte, non me importan os seus achaques -gritoulles o sarxento; isto é unha guerra. 
Unha guerra en serio, díxose; pero, contra quen? Ensináronlle a usar a arma. O fusil láser non era unha arma especialmente sofisticada. Non tiña nada que ver coas miniatómicas, as beluga ou a bomba de pánico. Era unha forma desenvolvida das armas convencionais que poden verse no Museo dos Horrores. Pero de todos os xeitos estaba preparado para matar. Dixéronlle que se inventou unha nova clase de guerra porque soster unha guerra nuclear era impensable. Non somos imbéciles como os gobernantes do pasado, dicían os carteis pegados nas paredes das cidades; asinado: o Goberno. Finalmente comprendérono. Unha vez que a espiral queda fóra de control e os conflitos rexionais transfórmanse en globais... A cuarta realmente pelexaríase con garrotes. Así que os bandos decidiron, de común acordo, como corresponde á xente civilizada usar os garrotes na terceira. Nada de mísiles, oxivas nucleares, submarinos e portavións atómicos, cazas supersónicos e bombardeiros de gran autonomía de voo.
...

12 de setembro de 2013

Comentario de Stanislaw Lem sobre a súa obra

Stanislaw Lem naceu un 12 de setembro de 1922. Coñecido sobre todo pola sua novela Solaris levada ao cine dúas veces.

Decátome moi ben das molestias que causei e sigo causando aos meus lectores. Precisamente porque cambio de diapasón e do nivel de dificultade das miñas obras. A miña ambición consistía en escribir sempre no mesmo nivel. Pero isto non se pode manter. Simplemente, porque eu mesmo cambio. Cheguei a unha conclusión bastante optimista de que o lector que compra os meus libros é máis sensato do que un pode pensar, que mesmo se non chega a comprendelo todo, espero que o meu compromiso coa problemática anímelle e engánchelle á lectura.

11 de setembro de 2013

Fragmento de Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza

ONDE MORAN OS QUE AMAN

Os vieiros que me levan
persisten na acordanza dunha historia
única.

Alguén pasou na hora das campás de denoite
na ráfaga do tempo.

...

10 de setembro de 2013

Texto dos Anxos e dos Mortos, de Anxo Rey Ballesteros

Seríanche unhas vinte persoas ou así, un pequeno grupo na noite, que falaba xesticulante nunha linguaxe estraña e musical, deixando escoitar, por momentos, breves risos violentos, gargalladas crúas e borrosas...; camioneiros madorrentos e banzunchos, de mirada pensativa, minoristas, vellas vedroeiras e eternais de fachenda derrubada e face descomposta pola rabuñadura do tempo, pescas canavesas, vellos cáncamos, chou-chous... todos cambiaban impresións de vez en cando, cousas que eu non entendía (falábanche un galego cantareiro e seseante, moi aberto e lixeiro coma un asubío, e espreitaban por veces, as luces vermellas dos barcos que se acercaban no silencio a través da brétema nocturna...

9 de setembro de 2013

Unha frase para empezar a semana

Ter patria é un agasallo ao que tarde en tarde hai que corresponder. 

Gabriela Mistral

8 de setembro de 2013

Fragmento de "Turbo" de Miguel Suárez Abel

Elías Seoane entrou na cociña coa culpabilidade escrita na cara. Eran as doce do día e ía moito sol. Pousou enriba do frigorífico La Voz de Galicia e mais un paquetiño envolto en papel de regalo. Susana, sentada diante da televisión, continuou atenta a Jesús Hermida, ignorando ó seu home, segundo viña sendo habitual. Tan afeito estaba Elías e este trato que nin se preocupaba de fuxir das trivialidades con que a cotío a saudaba:
—¡Que sol vai, eh!
—¡Vai á merda! -escoitou Elías, que, mal por mal, levaba meilor este tipo de respostas có silencio despreciativo que a miúdo lle regalaba a súa muller por castigo.
Avisado de que, con moita probabilidade, non había de ser este o día en que aparecesen os primeiros xestos para abrir canles de comunicación, sentouse a le-lo xornal; iso si: procurando estar ben atento, non fose que por non escudriñar na mulier despreciase a súa máis mínima intención de cambio.
As noticias do día —coma sempre— xa case as sabía de memoria, por iso foi directamente á páxina dezasete onde se informaba da viaxe do conselleiro a Buenos Aires.
...