9 de xaneiro de 2026

Fragmento dun Conto Popular

Un día sinalado as bruxas reúnense para facer os repartos de todo o ano; o das moscas e o dos piollos, os traballos que lle tocan a cada unha e tamén para casar ben casados tódolos días do ano.
E o conto foi que precisamente ese día un home moi pobre que, para máis desgracia, cargaba cunha chepa ó lombo, que malvivía de pedir polas portas e de facer algún; traballos a cambio dunha cunca de caldo ou dun migalio de broa, andaba polo monte apañando garabullos para o lume, soprendeuno a noite e perdeuse.
Nunca tal lle pasara. Andou desnortado de aquí para acolá, dando voltas e máis voltas, ata que viu ó lonxe o brillo dunha luz entre o escuro da noite. Achegouse e descubriu unha casoupa sen eira nin sinal de que vivise xente nela. Axexou pola porta e nada viu pero sentiu boureo no sobrado; entrou, buscou as escaleiras e a modiño subiu por elas ata dar cunha porta entreaberta.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.