É o xefe dos
camareiros que o está agarrando. Estás na Pampa ou que che pasa?, di con cara
de enfado. Deixa de pasmar e colle unha bandexa para sevir aos invitados.
Duchamps fai caso sen protestar e colle a bandexa que lle ofrece o señor. Coa
man suxeitando o novo utensilio, vai camiñando entre os invitados. Unha copa de
Champagne? Quere un vaso de bourbon? O detective aproveita a ocasión para
achegarse máis á xente e escoitar as conversacións.
Duchamps leva dez
minutos escoitando conversacións sobre golf e discusións sobre quen ten máis
baños na súa casa, e xa está a notar como lle marchan a paciencia e a forza no
brazo da bandexa. De súpeto, decátase de que diante del está a viúva falando
con invitados. Se consigue saber que din se cadra pode esclarecer un pouco o
misterio. Sen présa, desfila entre os invitados ofrecendo bebida, sempre coa
señora no punto de mira. Queda a dous pasos da señora e continúa servindo ao
mesmo tempo que coloca a orella para saber de que están a falar. Si, todo isto
foi terrible. Non estaba preparada, responde a viúva. Gérard era tan novo, non
hai dereito. Aínda non se sabe quen puido ser?, pregunta unha das persoas que
está con ela. Non tería un inimigo que lle quería mal? Oh, non creo. Gérard era
moi querido no seu grupo de traballo e non se me ocorre nada polo que alguén
puidese odialo.
O detective leva
case tres minutos detido escoitando a conversación e ofrecendo bebida á mesma
pobre alma, que por educación rexeita unha e outra vez sen mandalo a tomar por
saco. Nese momento, pasa ao seu lado un señor vestido cun traxe gris escuro e
camiña en dirección á viúva. Do seu peto dereito cae ao chan unha tarxeta de
visita e Duchamps apresúrase a collela para devolverlla ao seu lexítimo
propietario. Para saber o nome da persoa á que vai interpelar, o detective le o anaco de papel e, en lugar dun nome, o
único que ve son dúas letras, PR. Co pánico entrando no corpo, levanta a cabeza
e antes de que poida berrar, antes de que poida dar un paso, escóitase un
disparo. O home do traxe gris cae ao chan cun ruído xordo e a viúva, que estaba
a saudalo, lanza o grito desgarrador e cae desmaiada. Duchamps mira freneticamente
ao seu redor en busca do asasino pero a xente entra en pánico e tenta saír da
mansión correndo.
Continuará...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.