19 de febreiro de 2020

Novela semanal. Séptima entrega.

O detective arrastra ao camareiro ata os arbustos e empeza a quitarlle o uniforme. Despois fai o mesmo co seu traxe e vístese coa nova roupa. Quédalle un pouco apertado porque o camareiro non monta unha barriga como a súa, pero é o que hai se quere que non o recoñezan os vixiantes. Asegúrase de que o corpo espido do camareiro non queda visible dende a mansión, agocha o traxe detrás dunha árbore para volver máis tarde por el, e toma o camiño cara á terraza. Ao chegar á porta tenta abrila, pero sen éxito porque segue pechada con chave. Empeza a examinala e descobre que non é unha pechadura convencional, senón un lector de impresión dixital, polo que que vai necesitar o dedo do camareiro. Dá media volta para ir buscalo, o cal acaba arrastrado polo céspede ata a porta, en cuxo lector Duchamps coloca un dos dedos índice. Tras dous segundos, escóitase un curto son seguido dunha voz gravada que indica que se abriu a porta. Despois do éxito, o detective leva de novo ao camareiro aos arbustos e antes de deixalo decide darlle outro golpe para asegurarse de que segue durmido. O camareiro empeza a abrir os ollos así que Duchamps ten que darlle outra ronda de hostias ata que queda frito no chan. Cos cotobelos doídos, o detective volve á terraza e a pecha a porta detrás del.

Escóitase un rumor procedente da mansión. Parece que está chegando xente. Teño que marchar de aquí, di Duchamps mentres observa as distintas portas que ten a terraza. Antes de que entre ninguén, xa está tomando unha saída que semella segura. Vai pasando por corredores e escaleiras desorientado e, despois dun cuarto de hora, por fin atopa a sala principal onde está toda a xente. O detective pon os pés en movemento e antes de chegar ao seu destino ve outro corredor que leva á dereita a una sala máis pequena, onde se ven aos camareiros movendo fontes cheas de aperitivos e copas. Un deles está dando ordes e coordinando, o que quere dicir que é o xefe responsable. Sen deterse, o detective continúa cara ao vestíbulo para non ser detectado.

Por fin chega á sala principal. Duchamps está situado no andar superior e tan só o separa a el do resto da xente unha escalinata de mármore con moitas curvas e figuras nos pasamáns. Nótase quen ten cartos, di Duchamps apalpando o material a medida que baixa ao andar inferior. Xa embaixo, Duchamps empeza a camiñar entre a xente e para que non o descubran intenta facer a súa mellor interpretación de camareiro de festa VIP. Ponse dereito, co queixo apuntando cara arriba, sacando o labio inferior para fóra e mirando por riba dos ombreiros da xente. Con isto preparado, o detective-camareiro empeza a saudar á xente falando cun acento pedante: Bonjour Monsieur, oui, oui. Merci por vir á festa. Oulala! A Duchamps éncheselle o peito de pensar no ben que se está camuflando entre a xente. De súpeto, nota unha man que o agarra con forza pola parte traseira do uniforme.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.