25 de marzo de 2016

Fragmento das Cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

—¿O señor Lamote? Son Alberte Airas, o Rexedor, e quixera falarlle de algo.
—Vostede dirá.
—¿Pódolle preguntar se leu o anuncio que hoxe publica o xornal referido a unha corrida de nubes?
—Pode preguntalo, si señor, e, se o fai, direille que si o lin.
—E ¿que lle parece?
—Pois unha idea moi feliz e moi intelixente se hei dicir verdade.
—E ¿do referido ós premios?
—Tamén moi ben, non se podía buscar mellor cousa para unha competición deste xeito.
Don Alberte tusiu antes de dicir:
—Pois aí mesmamente é onde está o miolo.
Lamote tiña cara de riso, mais o outro, como é lóxico, non lla podía ver.
—¿Que pasa? ¿Non dá localizado os marmolubios? Se vostede quere encárgome eu de conseguilos.
—Home, se fixese o favor... ¿Sabe se sairán moi caros?
—Non, eu calculo que os pequenos andarán polas dúas bicicletas e os grandes a unha.
—¿A unha que?
—Bicicleta.
—Xa... Escoite, ¿canto me levaría vostede por se facer cargo da cousa dos premios?
—Pois, contando os marmolubios precisos e o meu traballo, vinteseis bicicletas.
—¿Bicicletas? Non entendo para que quere tantas...
—Pois direillo: Son para os rapaces que suspenderon... Fíxese ben, ós nenos que aproban todo regálanlles unha bicicleta na casa, ¿ non si?
—Certo, mesmo eu, ó meu Albertiño...
—Pois ben, hai nenos que deixan as Matemáticas ou a Lingua ou as Sociais e é porque non poden sabelas e non é xusto que os comparen con outros..., ademais, moitas veces, aínda que aprobasen, tampouco non chegarían á bicicleta. Estas vinteseis son para eles, ¿entende?
O Rexedor nada entendía, mais quixo ser prudente.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.