28 de marzo de 2016

Fragmento de Xa vai o Griffón no vento, de Alfredo Conde

—¿A quen denuncias, filla? ¿E por que?

Ela encrístase coma un galo, levanta a voz, afráutaa.

—Ó Farruco Cerviño, ¿sabe?, que hai dous meses berroü comigo e rifoume e dixo que arrenegaba de Deus e mais dos anxos e moitas vegadas dixo malia Deus e malia os anxos.

Hai que convoca-lo denunciado; sempre hai testemuñas e Farruco Cerviño tenas en desgracia súa. Repítese a historia, pero Farruco non sabe o nome do seu avó paterno xa que foi fillo de cura e de manceba; logo dubida no Pai Noso e non sabe o Ave María, nin o Credo, nin a Salve do seu paisano Pedro de Mezonzo.

—¿Sabe por que foi chamado?

Pregúntalle o Inquisidor sen ira.

—Isto foille a María Gómez e dúas comadres dela, porque lle rifei e dixen pesie a Deus, madía leven.

O Visitador sorrí, pero na súa face non se acusa nin o máis miúdo aceno denunciador de que a resposta lle faga gracia ou lle sorprenda.

—¿E cando e como e onde foi?

Farruco Cerviño confíase, reláxase e conta a súa historia.

—Pois estáballe eu no herdo rozando no toxo, cando nestas que vexo entrar uns bois ceibos e tras eles a Maruxa do demo que mala centella coma, que entraban no meu eido coma se fose deles. E díxenlle ¡vaite de aí!, ¡larpeira!, que me cago en Deus que consente que te teña dediante miña. Arrenego del se tal cousa consente algún tempo máis do que che leve, a ti e mais ós teus bois, saír do meu terreo.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.