Consellos
Si foses a xantar con poderosos
coida ben a carón de quen te sentas.
Pexa a túa gula e couta os teus degaros,
ponlle portas á fame si a tiveras,
pois é pan mintireiro o pan dos ricos,
dóce por fóra, por dentro amarguexa.
Afoga a túa cobiza,
non desacougues por xuntar facenda.
¿Non coidas que a riqueza non é nada,
que o vento a trai e o vento axiña a leva?
Non comas pan dun home deshonroso,
nin da fartura dil teñas envexa.
Dirache, come e bebe, meu amigo,
disfroita dos meus teres canto queiras;
mais o seu pensamento non concorda,
de boca afora serán as súas verbas,
pois o seu corazón, cativo e duro,
ten de cotío pechas
as fenestras do amor e da xusticia.
Non o esquezas.
Velaquí o orixinal bíblico:
Cando te sentes a comer con algún señor,
considera ben o que está diante de ti,
e pon coitelo á túa gorxa, se tes moita garula.
Non cobices os seus manxares delicados,
porque é pan enganoso.
Non te afanes por facerte rico; sé prudente, e desiste.
¿Has de pór os teus ollos na riqueza, sendo ningunhas?
Porque se farán ás coma ás de aguia, e voarán ó ceo.
Non comas pan co avarento, nin areles os seus manxares;
porque cal e o seu pensamento no seu corazón, tal é el.
Come e bebe dirache;
mais o seu corazón non está contigo.
Golsarás a parte que comeches,
e perderás as túas mainas palabras.
...
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 - Vigo, 1979) é un dos poetas máis representativos da nosa literatura polo forte carácter que soubo imprimir ós seus textos nunha época na que a forza cohesionadora das súas verbas deu alento a varias xeracións que loitaban por liberarse do xugo histórico dun frío desamparo, hoxe disimulado tras as mornas paredes do olvido.
F.D.M.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.