No libro I aborda a definición da física, afirmando que o seu obxectivo é o estudo dos principios das cousas e da physis. O tres principios fundamentais son a materia, a forma e a privación. O estudo da física encamíñase, sobre todo, á primeira, que é tanxible e está en movemento; deste xeito, o estudo do movemento é esencial á física. No libro II examina as causas das cousas, que son catro: material, formal, eficiente e final, mentres que no libro III emprende o estudo do movemento, que é a evolución dun ser a outra cousa ou outro modo de ser, definíndoo como o tránsito do ser en potencia ao ser en acto. O movemento, esencial para o estudo do físico, mostra que o mundo é dinámico, dirixíndose todo teleolóxicamente cara á súa perfección, a excepción do Motor non movido. Pero o cambio acontece no espazo, e este está vinculado tanto ao tempo como ao baleiro; introduce, ademais, a noción de infinito, que pode ser tanto un espazo imposible de percorrer como un espazo no cal a materia está ausente. Por isto, o infinito non é en acto, senón só en potencia. O infinito, contra Platón, non é un ente en si. A isto dedicou o final do libro II e o libro IV. O tempo é o número do movemento; o tempo é, como o espazo, continuo, e non pode separarse del.
Ao movemento dedica Aristóteles os libros V e VI. Se existe o movemento (e isto é perceptible polos sentidos), é porque existen os contrarios, que actúan como os puntos de partida e de chegada do movemento. Os diferentes tipos de movemento dependen directamente dos diferentes tipos de contrarios. Existen tres tipos de movemento: cualitativos (cambio de sustancia), cuantitativos (cambio de cantidade) e locais (cambio de lugar).
O movemento diríxese da privación de algo até a consecución dese algo. Os últimos dous libros Aristóteles dedícaos á demostración da existencia dun primeiro motor, que é non movido por outro; é, tamén, inmóbil, pero o que el quere acentuar é que non debe o seu ser (cualitativo) a ningún outro ser; é acto puro, do que está ausente calquera tipo de potencia, polo que é o Ser Perfecto: o Theós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.