Non teño parentes,
amores nin chouza,
de aldea en aldea,
parroquia en parroquia
ando polo mundo
arredada e soa,
e xanto, cando atopo
cunha almiña boa
que polos seus mortos,
bótame de esmola,
a cunca do caldo
e o anaco de broa.
Durmo nos camiños
érgome coa aurora,
lávome nas fontes
de clara auga morna,
e as noites que a lúa
loce brilladora,
como nun suspiro,
paso as horas mortas
mirando para ela,
cantándolle coplas,
"Lúa, lúa branca,
como me namoras!
Todo o santo día,
co sol ou coa choiva,
dun lado para outro
vou de porta en porta,
e fuxindo aos mozos
chea de vergoña,
e aos cans que me ladran
e os nenos que xogan
tirándome pedras,
chamándome tola,
atraveso veigas,
rubo corredoiras,
e salto valados
cubertos de roxas
espiñas de estripos
e ortigas traidoras,
que me firen a carne
e ráchanme a roupa...
a roupa dos probes,
que nunca foi nova!.
Cando camiñando
paso polas hortas
a tempo que a xente
turra de espiocha
ou cava patacas
ou planta cebolas,
sempre hai un que diga:
-A onde vas Rosa?
E eu que non quero
andar con parolas
nin que ninguén, ninguén,
saiba as miñas cousas,
nin de min se burle
nin veña con cholas,
sen faltar á crianza
mándoo facer moitas...
-Demo de xudeu!
A ti que che importa?
Tes ganas de leria?
Pois chama por outra!
E, sen máis palique,
vírome as costas;
mais ben me percato,
facéndome a xorda,
que queda dicindo:
Pobriña da tola!
É de Santa Baia,
do lugar de Rozas,
preto dos casares,
que din de Revolta.
Quedou pequeniña
en poder da avoa
que ao morrer deixoulle
a casa e mellora.
Coñecín aos pais;
dúas boas persoas,
non deprezando,
ninguén que me escoita!.
A nena criouse
coma unha señora,
facendo parella
co nome de Rosa.
Coa vida que leva,
xa vedes! á forza,
ten que estar cativa
e hoxe non fai proba,
pero nos seus tempos...
foivos unha moza!
Acórdome un ano
que pola Pastora,
coa cara cereixa
de fresca e de roiba,
o cabelo en trenzas
de cor das amoras
cun aderezo de ouro
arredor da gorxa,
de dengue e mantelo,
mesmo daba gloria!
todo o señorío
facíalle roda!
Nunca ela, coitada,
tan bonita fora!
O conto é que un fillo,
bo mozo! da dona
do pazo da Gándara,
andoulle ás voltas,
e fala que fala
e chola e máis chola,
a pedra abrandouse
e ao fin namorouna.
Pero quixo o demo,
(que ese nunca folga)
que a nai se enterase;
e o rapaz por boas
ou malas, que o certo
inda non se conta,
de noite á mañá
saíu da parroquia.
As cousas do mundo!
O triste da historia
foi que o mozo ao irse
deixouna sen honra,
e entroulle á rapaza
peniña tan fonda
que do paridoiro,
máis valera morta!,
subíuselle o ramo...
e volveuse tola!
Eu non sei se falan
de min ou de outra
e río cando ouso
contar esas cousas.
Eu non me recordo...
Bah, quen se recorda!
Mais eu non acerto
que ten esa historia
que, cando contala,
tristeiros escoitan,
namentres eu saio
correndo da horta,
os homes salaian,
e as vellas e as mozas,
co mandil nos ollos,
doloridas choran,
dicindo en voz baixa...
Probiña da tola!
Que Deus nos aparte
dunha mala honra!
E non é verdade,
abofé estou corda!
Se a xente soubera
que vivo na gloria!
Se dos meus segredos
caeran na conta!
Cando a noite cobre
o pinal de sombras,
dúrmome nun leito
de fiúnchos e follas,
e a pouco esperto,
e vexo unha pomba
que baixa do ceo,
voa que revoa,
e vén no meu colo
pousarse, e mimosa,
rúbeseme o peito
e bícame na boca,
fálame dos anxos,
da Nosa Señora,
e da nai querida
que chorando roga
para que deste mundo
de penas recollan
e leven xunto a ela
a filla que adora.
E todas as noites,
vén a branca pomba,
e comigo fala,
e comigo xoga.
Até que alumeando
o pinal a aurora,
rube cara ao ceo,
voa que revoa!
Por iso me río,
cando, meigas fora!
a xente do mundo
que di que está corda
murmura ao toparme...
Probiña da tola!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.