21 de abril de 2012

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXXI).

«Decididamente -pensei-, está mal da cabeza. Debeu sufrir durante este oito días un acceso que aínda lle dura. Que mágoa! Preferiría habermas cun extravagante que cun tolo.» Debían lerse claramente no meu rostro tales pensamentos, pero o capitán Nemo limitouse a convidarme a seguirlle, o que fixen como un home resignado a todo. Chegamos ao comedor, onde achamos servido xa o almorzo.
-Señor Aronnax -díxome o capitán-, rógolle que comparta comigo sen cerimonia este xantar. Falaremos mentres comemos. Prometinlle un paseo polo bosque, pero non podo comprometerme a atopar un restaurante polo camiño. Así que coma vostede, tendo en conta que a próxima colación virá con algún atraso.
Fixen honra á comida que tiña ante min, composta de diversos peixes e de rodaxas de holoturias, excelentes zoófitos, cunha guarnición de algas moi aperitivas, tales como a Porphyria laciniata e a Laurentia primafetida. Tiñamos por bebida unha auga moi límpida á que, tomando exemplo do capitán, engadín algunhas pingas dun licor fermentado, extraído, a usanza kamchatkiana, da alga coñecida co nome de Rodimenia palmeada.
O capitán Nemo comeu durante algún tempo en silencio. Logo, dixo:
-Señor profesor, ao proporlle ir de caza aos meus bosques de Crespo, pensou vostede acharme en contradición comigo mesmo. Ao informarlle de que se trata de bosques submariños, creume vostede tolo. Señor profesor, nunca hai que xulgar aos homes a treo.
-Pero, capitán, rógolle...
-Escóiteme, e verá entón se pode acusarme de tolemia ou de contradición.
-Escóitolle.
-Señor profesor, sabe vostede tan ben como eu que o home pode vivir baixo a auga a condición de levar consigo a súa provisión de aire respirable. Nos traballos submariños, o obreiro, revestido dun traxe impermeable e coa cabeza encerrada nunha cápsula de metal, recibe o aire do exterior por medio de bombas impelentes e de reguladores de saída.
-É o sistema das escafandras -díxenlle.
-En efecto, pero nesas condicións o home non é libre: está unido á bomba que lle envía o aire por un tubo de goma, verdadeira cadea que lle amarra a terra. Se nós debésemos estar así ligados ao Nautilus, non poderiamos ir moi lonxe.
-E cal é o medio de estar libre?
-O que nos ofrece o aparello Rouquayrol-Denayrouze, inventado por dous compatriotas seus, e que eu perfeccionei para o meu uso particular. Este sistema permitiralle arriscarse nestas novas condicións fisiolóxicas sen que os seus órganos sufran. Componse dun depósito de chapa grosa, no que almaceno o aire baixo unha presión de cincuenta atmosferas. Ese depósito fíxase ás costas por medio duns tirantes, igual que un macuto de soldado. A súa parte superior forma unha caixa da que o aire, mantido por un mecanismo de fol, non pode escaparse máis que á súa tensión normal. No aparello Rouquayrol, tal como é empregado, dous tubos de caucho saen da caixa para acabar nunha especie de pavillón que aprisiona o naris e a boca do operador; un serve para a introdución do aire inspirado e o outro para a saída do aire expirado; é a lingua a que pecha un ou outro segundo as necesidades da respiración. Pero eu, que teño que afrontar presións considerables no fondo dos mares, tiven que modificar ese sistema, coa utilización dunha esfera de cobre como escafandra. É nesta esfera na que desembocan os tubos de inspiración e expiración -Moi ben, capitán Nemo, pero o aire que vostede leva debe usarse moi rapidamente e cando este non contén máis dun quince por cento de osíxeno faise irrespirable.
-Así é, pero xa lle dixen que as bombas do Nautilus permítenme almacenalo baixo unha presión considerable, e nesas condicións o depósito do aparello pode prover aire respirable durante nove ou dez horas.
-Ningunha obxección xa pola miña banda -respondín-. unicamente, quixera saber, capitán, como pode vostede iluminar o seu camiño polo fondo do océano.
-Co aparello Ruhmkorff, señor Aronnax. Se o outro leva ás costas, este fíxase á cintura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.