7 de xaneiro de 2011

O vixia no centeo

Título: O vixía no centeo
Autor: J. D. Salinger
Tradutor: Xosé R. Fernández Rodríguez
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Colección: Fóra de Xogo
J. D. Salinger foi un misterioso escritor norteamericano morto no 2010, un autor oculto, que fuxía de aparecer sequera nas lapelas dos seus propios libros. Mesmo demandou a varios dos seus biógrafos. A súa filla Margaret escribiu unha biografía sobre el titulada O vixía dos soños.
Tras o seu éxito O vixía no centeo, que o levou á famamoi cedo, convertendo ao seu heroe no prototipo do adolescente que busca o sentido da vida nun mundo no que a inocencia e a verdade non teñen lugar, un mundo falso. Os seus personaxes adoitan ser sensibles e especiais.
Nacido en New York en 1919, fillo dunha irlandesa católica e un polaco xudeu. Non foi moi brillante o seu paso pola escola, pero dedícase desde a adolescencia a escribir relatos. Participou na Segunda Guerra Mundial. Ten unha vida moi azarosa con varios divorcios e cambios moi fortes, participando en determinados momentos na Ciencioloxía, ou dedicándose ao budismo zen, ao vexetarianismo ou á homeopatía.
Un dos seus relatos foi adaptado ao cine na película Mi corazón loco. En  Chasing Holdencóntase a historia dun fanático do libro O vixía no centeo que se sente preto do personaxe de Holden Caulfield e quere coñecer ao propio autor.
O LIBRO
Holden Cauldfield, coñecendo que vai ser expulsado, tamén, deste último colexio, decide deixalo antes. Pasa tres días na cidade de Nova York e conta a historia do que fixo e sufriu nese tempo, desa fuxida cara adiante que o leva a deambular polas rúas da cidade queimando ata o último recurso, mentres a depresión o vai afectando.
Narrada moi subxectivamente, utilizando unha linguaxe propia da mocidade e facendo unhas análises da realidade mediatizadas pola peculiar personalidade do protagonista.
Cunha personalidade nerviosa e sensible, Holden, na transición da adolescencia á madurez, enfróntase no decurso dunhas poucas horas cos grandes temas que preocupan a todos os mozos: o seu lugar na sociedade, os valores que se afianzan e se desbotan, a actitude fronte á morte, o amor, a amizade, a iniciación ao sexo: contado todo con humor e unha extraordinaria intensidade narrativa, nun maxistral relato en primeira persoa.
Holden Caulfield é desde 1951 –ano da publicación de O vixía no centeo– o sinónimo de adolescente inconformista, o símbolo da autoafirmación do individuo fronte a un medio hostil. Neses tres días nos que, cronoloxicamente, se desenvolve a novela, Holden enfróntase ás súas propias contradicións e ao imperioso desexo de fuxida. Fuxir do mundo que lle agarda ao medrar, como se nese fuxir a única saída fose inmobilizar o tempo.
.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.