A introdución do catálogo de Galaxia en Google Books. As primeiras edicións electrónicas desta editora e mais de Xerais. O nacemento da plataforma MeuBook, que integra tenda, servizos de edición e rede social sobre libros. A Creación do Clúster do Libro. Redelibros, outra rede social que incorporará en breve a súa propia tenda. Contos infantís de Galaxia para iPad e iPhone. Agrupados, todos estes feitos marcan ao longo do último ano a acelerada traxectoria do sector editorial galego de cara a integrar os novos soportes para á lectura e responder ao desafío dos contidos dixitais.
Proceso inevitable
Para Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores e director de Xerais, “achegámonos ao futuro, e non é un problema de elección, senón que é algo no que temos que estar presentes. Estase a facer un esforzo por non perder o ritmo que imprimen outro sistemas e mais o propio proceso de tránsito cara a edición dixital no que estamos inmersos”. Ánxela Chillón é a responsable do departamento dedicado á I+D na editorial Galaxia. Para ela, a incorporación ás novas tecnoloxías do sector “é algo ineludible e inevitable. Estamos obrigados a encarar este problema. A presenza dos contidos dixitais é cada vez maior en todos os ámbitos, e mundo do libro non vai ser alleo a isto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.