A nosa bandeira non foi sempre como hoxe a contemplamos. Os galegos do pasado xuntáronse, ao pé doutro símbolo aparentemente distinto do actual pero que no fondo significaba o mesmo. Nas súas orixes, a bandeira galega foi branca ou vermella, indistintamente, cun escudo no centro.
Andando o tempo, a vermella foi converténdose nos distintos pendóns que representan aos concellos. A color branca tivo máis fortuna, como habemos ir vendo.
Era o ano 1809. Galicia e España enteira estaba en guerra cos franceses. Un grupo de mozos da Universidade de Santiago decidiu intervir tamén na loita co nome de Batallón Literario. Decididos a combater en terras galegas ao invasor francés, querían ter presente a Galicia dunha maneira ben visible e clara – ante eles mesmos e ante os ocupadores - de tal modo que os franceses se decatasen de que estaban en loita cos galegos.
Branca foi tamén sen dúbida a bandeira que no ano 1846 se alzou desde Galicia contra a opresión do goberno centralista e en favor da dignidade dos galegos. Semella verdadeiro milagre que a enseña daquel colectivo de civís e militares sublevados non quedase tinguida co sangue dos brutais fusilamentos, pois os valentes galegos que á sazón se levantaron só polo ben da terra tiveron final tráxico na vila coruñesa de Carral.
Para o recordo érguese alí en testemuña desa data o Monumento aos Mártires.
¿Cal foi a causa de que a bandeira branca se impregnase da cor azul do ceo? Non se sabe con certeza de onde procede a franxa celeste que exhibe a nosa enseña. Quizais que sexa evocación do mar, do ronsel sobre o océano da grande travesía emigratoria. Ou mais probablemente da bandeira da Comandancia de Mariña da Coruña, chegada un día ás mans dos emigrados e asumida por eles coa galega. E quizais tamén como influencia do azul presente en distintas bandeiras dos países de América cos que estaban en contacto. Sen que debamos descartar tampouco, en fin, certos motivos e matices azulados que figuraban e figuran nalgúns pendóns galegos.
Cando en 1908 morre na Habana Manuel Curros Enríquez, xa a enseña azul e branca tremeceu no vento desde os centros galegos e incluso non galegos. Despois, acompañou ó egrexio finado a través do mar na súa volta definitiva á Terra, para arroupalo no campo santo coruñés de San Amaro.
A nosa bandeira quedaba, pois, fixada tal como a vemos hoxe. Así a levantarán as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Partido Galeguista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.