22 de novembro de 2012

Aforismos de Leonardo


83.- A cousa amada atrae ao amante como o sensible ao sentido, ata que se unen nun só obxecto. A obra é o primeiro que nace desa unión. Se a cousa amada é vil, o amante tórnase vil. Cando a unión convén ao que a realiza, resulta para el deleite, pracer, satisfacción. Cando o amante únese á cousa amada, repousa nela. 

21 de novembro de 2012

AFONSO EANES DO COTÓN [B 1587 / V 1119]

AFONSO EANES DO COTÓN [B 1587 / V 1119]

Covilheira velha, se vos fezesse
grand'escarnho, dereito i faria,
ca me buscades vós mal cada día;
e direi-vos en que vo-l'entendí:
ca nunca velha fududancua vi
que me non buscasse mal, se podesse.

E non ést'ua velha nen son dúas,
mais son vel cent'as que m'andan buscando
mal quanto poden e m'andan miscrando;
e por esto rogu'eu de coraçón
a Deus que nunca meta se mal non
antre min e velhas fududancúas.

E pero lança de morte me feira,
covilheira velha, se vós fazedes
nen un torto se me gran mal queredes;
ca Deus me tolha o corp'e quant'hei,
se eu velha fududancúa sei
hoje no mundo a que gran mal non queira.

E se me gran mal queredes, covilheira
velha, digu'eu que fazedes razón,
ca vos quer'eu gran mal de coraçón,
covilheira velha; e sabed'or'al:
des que fui nado, quig'eu sempre mal
a velha fududancua peideira.

20 de novembro de 2012

Fragmento de UNTO DE LOBO de Manuel García Barros.

Esto que vou a contar, evos tan certo como que habernos de morrer. Esta afirmación escusaba de facela porque é ben sabido que sempre houbo burros dos que non pousan no chan os catro remos, e, polas trazas que leva, seguiraos habendo mentras que o mundo siga dando voltas: por máis de que esto de que dea voltas sea cousa que inda hoxe hai a quen non lle cabe na cachola.
O mesmo tío Silverio que anda por ai en carne e oso poderá contárvolo se queredes. El é un home de mediana edá, máis ben vello que mozo, baixote e con cara de parvo, que padece un reumatismo crónico, ou cousa así, que si ben non o ten na cama nin lle empide traballar, traino sempre un pouco amolado, e dou na manía de non falar a naide máis que dos seus males. Cando é a cabeza que o leva a onde el non queira, cando lle tiran os lomedros, cando as pernas lle queren andar para tras en ves de facelo para diante... en fin: que se pon a contar e non acaba.
(...)

19 de novembro de 2012

Unha frase para empezar a semana

O gran clásico é un home do que se pode facer o eloxio sen telo lido. 
Chesterton

18 de novembro de 2012

AFONSO EANES DO COTÓN [B 1586 / V 1118]

AFONSO EANES DO COTÓN [B 1586 / V 1118]

Paai Rengel e outros dous romeus
de gran ventura, non vistes maior,
guarecerán ora; loado a Deus,
que non morreron, por Nostro Senhor,
en ua lide que foi en Josafás:
a lide foi com'hoj'e, come cras,
prenderan eles terra no Alcor.

E ben nos quis Deus de morte guardar,
Paai Rengel e outros dous, entón,
dua lide que foi en Ultramar,
que non chegaran aquela sazón;
e vedes ora por quanto ficou:
que o día que s'a lide juntou,
prenderan eles port'a Mormoión.

De como non entraron a Blandiz,
per que poderan na lide seer,
ja os quis Deus de morte guarecer,
per com'agora Paai Rengel diz;
e guareceron de morte por én:
que, quando a lide foi en Belén,
aportaron eles en Tamariz.

17 de novembro de 2012

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (CI)


Era evidente que os indíxenas tiveran xa relación cos europeos e que coñecían os seus navíos.
Pero que podían pensar daquel longo cilindro de aceiro inmobilizado na baía, sen mastros nin cheminea? Nada bo, a xulgar pola respectuosa distancia en que se mantiveron até entón. Con todo, a súa inmobilidade debía inspirarlles un pouco de confianza, e trataban de familiarizarse con el. E era precisamente iso o que conviña evitar. As nosas armas, carentes de detonación, non eran as máis adecuadas para espantar aos indíxenas, aos que só inspiran respecto as que causan estrondo. Sen o estrépito do trono, o raio non espantaría aos homes, a pesar de que o perigo estea no lóstrego e non no ruído. Naquel momento, xa moi próximas as piraguas ao Nautilus, unha choiva de frechas abateuse sobre el.
-Diantre! Está granizando e quizá sexa unha saraiba envelenada -dixo Conseil.
-Hai que avisar ao capitán Nemo -dixen-, e introducinme pola escotilla.
Descendín ao salón. Non había ninguén, e arrisqueime a chamar á porta do camarote do capitán.
-Pase.
Entrei e achei ao capitán Nemo mergullado nun mar de cálculos, entre os que abundaban as x e outros signos alxebraicos.
-Moléstolle? -díxenlle, por cortesía.
-Si, señor Aronnax, pero supoño que ten vostede serias razóns para vir verme, non?
-Moi serias. As piraguas dos indíxenas téñennos rodeados, e dentro duns minutos verémonos asaltados por varios centenares de salvaxes.
-Ah! -dixo o capitán Nemo, coa maior calma-, viñeron coas súas piraguas?
-Si, señor.
-Pois ben, basta con pechar as escotillas.
-Precisamente, e é o que viña dicirlle.
-Nada máis fácil -dixo o capitán Nemo, á vez que, pulsando un timbre eléctrico, transmitía unha orde á tripulación.
-Xa está -díxome tras algúns instantes-. A canoa está no seu sitio e as escotillas pechadas. Supoño que non temerá vostede que eses señores destrúan unhas murallas contra as que nada puideron os obuses da súa fragata.
-Non, capitán, pero subsiste aínda un perigo.
-Cal?
-Mañá, á mesma hora, haberá que reabrir as escotillas para renovar o aire do Nautilus.
-Así é, posto que o noso navío respira como os cetáceos.
-Pois ben, se nese momento os papúes ocupan a plataforma, non vexo como poderemos impedirlles a entrada.
-Así que supón vostede que van subir a bordo.
-Estou seguro.
-Pois ben, que suban. Non vexo ningunha razón para impedirllo. No fondo, estes papúes son uns pobres diaños e non quero que a miña visita á illa Gueboroar custe a vida a un só destes desgraciados.
Dispúñame a retirarme, pero o capitán Nemo retívome e convidoume a sentarme ao seu carón. Interrogoume con interese acerca das nosas excursións e a caza, e pareceu non comprender a necesidade de carne tan apaixonadamente sentida polo arponeiro. Daquela a conversación orientouse cara a outros temas e, sen ser máis comunicativo, o capitán Nemo mostrouse máis amable.
Entre outras cousas, tocamos o tema da situación do Nautilus, encallado precisamente no mesmo estreito en que Dumont d'Urville estivo a piques de perder os seus barcos. E ao citar a de Dumont d'Urville -díxome o capitán Nemo:
-Foi un dos seus máis grandes mariños, un dos seus máis intelixentes navegantes. Para vostedes, os franceses, Dumont d'Urville é como o capitán Cook para os ingleses. Que infortunio o dese home sabio! Desafiar aos bancos de xeo do Polo sur, aos arrecifes de Oceanía e aos caníbales do Pacífico, para acabar morrendo miserablemente nun tren! Se a ese home enérxico foille dado pensar durante os últimos segundos da súa existencia, imaxínase vostede cales serían os seus pensamentos?
Ao falar así, o capitán Nemo parecía emocionado, e eu inscribín ese xesto no seu activo.
Logo, mapa en man, pasamos revista aos traballos do navegante francés, as súas viaxes de circunnavegación, a súa dobre tentativa do polo sur que lle valeu o descubrimento das terras de Adelia e Luís Felipe e, por último, os seus mapas hidrográficos das principais illas de Oceanía.
-O que na superficie dos mares fixo o seu Dumont d'Urville -díxome o capitán Nemo- fíxeno eu no interior do océano, e máis completa e máis facilmente que el. O Astrolabe e a Zelée, incesantemente zarandeados polos furacáns, non podían competir co Nautilus, tranquilo gabinete de traballo e verdadeiramente sedentario no medio das augas.
-E, con todo, capitán, hai un punto común entre as corvetas de Dumont d'Urville e o Nautilus.
-Cal?
-O de que o Nautilus encallase como elas.
-O Nautilus non encallou -respondeume fríamente o capitán Nemo-. O Nautilus está feito para repousar no leito dos mares, e eu non terei que emprender as penosas manobras que houbo de facer Dumont d'Urville para sacar á boia os seus barcos. O Astrolabe e a Zelée estiveron a piques de perderse, pero o meu Nautilus non corre ningún perigo. Mañá, no día e á hora sinalados, a marea elevarao suavemente e reemprenderá a súa navegación a través dos mares.
-Capitán, eu non poño en dúbida...
-Mañá -engadiu o capitán Nemo, levantándose- ás dúas horas e corenta minutos da tarde, o Nautilus estará á boia e abandonará, sen avaría algunha, o estreito de Torres.
O capitán Nemo inclinouse lixeiramente, en sinal de despedida. Saín e volvín ao meu camarote, onde achei a Conseil, que desexaba coñecer o resultado da miña conversación co capitán.

16 de novembro de 2012

50 anos da Laranxa Mecánica de Anthony Burgess (e II)

-Alguén ten que loitar. Hai que defender as grandes tradicións libertarias. Non son home de partido, pero se vexo a infamia procuro destruíla. Os partidos nada significan. A tradición de liberdade é o máis importante. A xente común está disposta a toleralo todo, si. É capaz de vender a liberdade por un pouco de tranquilidade. Por iso debemos aguilloala, picala...