7 de xaneiro de 2017

Fragmento de Galicia, de Francisco Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, e finou en Vigo o 26 de novembro de 2010.

O guía galego dilles aos tres amigos que, segundo Chueca, Santa Comba é o monumento que mellor resume os rasgos da arquitectura visigótica. Construíuse no século VII, dentro desta clara tipoloxía. A planta, de cruz grega, inspirouse en Bizancio. E, en efecto, unha das máis significativas igrexas de finais da devandita centuria. Testemuña que estes lugares non perderan a súa importancia na alta Idade Media. O edificio sufriu notorias reformas no IX, en momentos nos que renacían as formas hispano-visigodas tras da paréntese de estilo asturiano. Falouso de que nel estivo soterrado San Torcuato, un dos primeiros esparexedores do cristianismo na península ibérica. A porta principal é de oxiva, e a lateral de ferradura. O exterior é moi humilde. Ao seu redor descubríronse citanias, aras romanas e lápidas da mesma orixe.

...

6 de xaneiro de 2017

IRMAUS de Celso Emilio Ferreiro

Un 6 de xaneiro, de 1912 nacía o autor Celso Emilio Ferreiro.

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero ti, que te alcontras alá lonxe
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.

Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos ó teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.

Anque as nosas palabras sexan distintas,
e ti negro e eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.

Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.

5 de xaneiro de 2017

Cantiga de Nadal

De Oriente saen tres Reis
todos tres en compañía
con tres fermosos camellos
que relumbran como o día

4 de xaneiro de 2017

Inicio de O CANTO DO CREPUSCULO

O CANTO DO CREPUSCULO
Lester Do Rei

Cando alcanzou a superficie do pequeno planeta, incluso as feces do seu poder esgotáronse. Agora descansaba, extraendo reluctantemente e con lentitude un pouco de forza do amarelo sol que brillaba nos verdes prados ao seu ao redor. Os seus sentidos estaban debilitados por un cansazo definitivo, pero o medo que aprendera dos Usurpadores empuxábao en busca dalgún novo indicio de refuxio.
Deuse conta de que era un mundo pacífico, e ese descubrimento avivou o seu medo. Nos seus días novos apreciara unha multitude de mundos onde o xogo do fluxo e o refluxo da vida podía ser xogado até o fondo. Era entón un universo cheo de vitalidade por onde vagabundear. Pero os Usurpadores non soportaban os rivais na súa propia limitada avidez. A paz e a orde que reinaban naquel lugar significaban que aquel mundo lles pertencía.
Buscounos vacilante mentres un leve sopro de enerxía fluía dentro del. Non había ningún alí naquel momento. Podería captar inmediatamente a presión da súa próxima presenza, e non había o menor rastro diso. As lisas e herbosas extensións abríanse ante el en interminables pradarías e campos até os distantes outeiros. Había estruturas de mármore ao lonxe, de brancura resplandeciente ao sol do atardecer, pero estaban baleiras; a súa descoñecida finalidade fora alterada até converterse nun simple decorado sobre aquel planeta agora abandonado. A súa atención regresou; cruzou un regato até o outro lado do amplo val.
Alí descubriu o xardín. Rodeado por un muro baixo, os seus quilómetros e quilómetros de extensión estaban cheos de bosques dispostos aparentemente como unha reserva. Puido sentir a axitación de vida animal de apreciable tamaño entre as ramas e ao longo dos carreiros sinuosos. Faltaba o alborotado vigor de toda auténtica vida, pero a súa abundancia podía ser suficiente para enmascarar o seu propio vestixio de forza vital en caso de procura profunda.

3 de xaneiro de 2017

As construcións prehistóricas.

As construcións prehistóricas. Os monumentos megalíticos.  
A difusión do megalitismo.  

As construcións megalíticas son os primeiros restos arquitectónicos do pasado que se conservan en Occidente. Distribúense por toda Europa, desde mediados do V milenio a.C. para desenvolverse amplamente no III milenio a.C., época de transición cara á Idade do Bronce. Trátase de construcións monumentais que, na súa forma máis elemental (menhir), consisten en pedras de gran tamaño cravadas na terra. Coa cultura neolítica xorde unha nova espiritualidade que modifica a visión que o home ten do seu propio universo. As crenzas do home agricultor teñen que ver cos elementos naturais: choiva, sol, vento, terra, dos que depende para garantir a súa subsistencia.

A difusión do megalitismo. 

Estas novas conviccións materialízanse na construción de megalitos, un modo de expresar as primeiras manifestacións relixiosas e plasmar a idea do renacemento eterno. Os menhires actúan como mediadores entre o home e as forzas poderosas do cosmos. Son elementos simbólicos permanentes, que o home erixe cunha vontade expresa de eternidade. A maioría de menhires illados que se conservan teñen unha altura considerable que oscila entre tres e seis metros.
Tamén hai conxuntos de menhires aliñados paralelamente como o conxunto de Carnac, en Francia, o que denota un plan xeral ben deseñado. Quizais estes menhires conducían cara a un lugar de culto.
Un dos primeiros santuarios en chan europeo é a construción megalítica da localidade de Stonehenge (Reino Unido), do II milenio a.C. Trátase dun conxunto colosal de perímetro circular con estruturas adinteladas que debuxan unha planta de ferradura cun altar no centro. A orientación deste conxunto coincide co punto de saída do Sol no solsticio de verán, que alaga cos seus raios o altar. A relación simbólica co astro podería facer referencia á idea de renacemento, grazas á calor do Sol, astro que xera vida. As estruturas pétreas están organizadas cunha distribución ordenada, seguindo normas de regularidade e simetría.
Neste momento aparecen novas crenzas en relación coa morte e organízanse rituais funerarios que requiren a construción de verdadeiras tumbas chamadas dólmenes. Trátase en realidade de sepulturas colectivas, compostas por dous monólitos pétreos verticais, que sustentan unha laxa horizontal, e cubertos de terra.
Estas construcións anteceden en varios milenios aos tholoi micénicos. A cultura megalítica estendeuse tamén polo oeste e norte europeo, deixando sepulcros xigantescos en Reino Unido, Irlanda e Bretaña. Mentres tanto, a zona do Mediterráneo Oriental, bañada polas augas do mar Exeo, iniciaba unha época de esplendor grazas ao desenvolvemento do comercio.

2 de xaneiro de 2017

Cantiga festa

A foliada vaiche boa
ela non ha de perder,
quen non ten amores nela
ha desear de os ter

1 de xaneiro de 2017

Cantiga popular nadal

Todos lle levan ao Neno
eu tamén lle levarei
una torta de manteca
e un xerro blanco de mel