14 de decembro de 2015

Fragmento dun Conto Popular

Eran tres irmáns moi pobres. Morreron os pais e por toda herdanza deixáronlles, ó maior unha escada, ó segundo un galo, e ó terceiro unha fouciña de segar.
Vaise o do galo e dixo:
—Pois eu voume polo mundo a ver se fago algo co galo.
Marchou polo mundo adiante e chegou a un sitio no que ás doce da noite xunguían o carro e as vacas e ían buscar o día. Tiñan ese costume. Crían sen dubidalo que se non ían buscar o día non viña e era sempre noite.
E1 durmía nunha casa e viu todo aquel movemento.
—¿E para onde van?
—Imos buscar o día que, ben ti ves, se non non vén. Facemos quendas, por días e por semanas, os veciños van unha noite un e outra outro, e hoxe tócame a min.
—¡Ho, eu teño un aparello que trae o día á casa sen necesidade de xunguir as vacas nin nada!
—¡Que ha traer!
—Si.
—Pois imos probalo.
...

13 de decembro de 2015

Quantos og' andam eno mar aquí

Quantos og' andam eno mar aquí

Pai Gomez Charinho

Quantos og' andam eno mar aquí
coidan que coita no mundo non á
senón do mar, nen an outro mal ia.
Mais doutra guisa contece oie a mi:
coita d' amor me faz escaecer
a muy gran coita do mar, e tÊer
pola mayor coita de quantas son
coita d' amor a quen a Deus quer dar.
E é gran coita de mort' a do mar
mas non é tal, e por esta razón
coita d' amor me faz escaecer
a muy gran coita do mar, e tÊer
pola mayor coita, per boa fe,
de quantas foron, nen son, nen serán.
E estes outros que amor non an
dizen que non, mas eu direi qual é:
coita d' amor me faz escaecer
a muy gran coita d' amor, e tÊer
por mayor coita a que faz perder
coita do mar, que muitos faz morrer.

12 de decembro de 2015

ABSURDOS

ABSURDOS
Fredric Brown

Mr. Weatherwax untaba coidadosamente de manteiga a súa torrada. A súa voz era firme:
- Querida, quero que isto quede ben claro: a partir de agora non haberá máis lecturas embrutecedoras desas no noso apartamento.
- Pero Jasson, eu non o sabía.
- Comprendido. Pero é da túa responsabilidade saber o que le o teu fillo.
- Vixiareino máis, Jasson. Non lle vin traer esta revista. Non sabía que estaba aí.
- Tampouco eu saberíao se onte á noite non movese por casualidade un coxín do sofá. A revista estaba disimulada debaixo e por suposto boteille unha ollada.
As puntas do bigote de Mr. Weatherwax estremecéronse de indignación.
- Nocións ridículas, ideas imposibles. Ciencia ficción Ah! Que bonita é a súa ciencia!
Apurou un grolo de café para acougarse.
- Ridículas vaidades! Que cousas máis absurdas! Viaxes a outras galaxias grazas á cuarta dimensión! Máquinas para viaxar no tempo, teleportación, telekinesia...! Bobadas, máis nada que bobadas!
- Querido Jasson - dixo a súa muller esta vez cun pouco de dureza - Eu garántoche que a partir de agora vixiarei as lecturas de Gerard. Tes toda a razón.
- Grazas, querida - contestou Mr. Weatherwax acougado - A mocidade non debería verse envelenada por esas ideas contaminantes.
Mirou o seu reloxo, levantouse con présa, bicou á súa muller e saíu.
Na porta do apartamento deixouse deslizar lentamente polo pozo antigravitación e flotou cara ao baixo dos 200 pisos, até a rúa onde tivo a sorte de deter inmediatamente un taxi atómico. Deu ao chofer-robot os datos do astroporto lunar. Logo descansou e pechou os ollos para captar o boletín telepático. Esperaba ouvir as noticias da cuarta guerra marciana, pero non era máis que un informe do Centro de inmortalidade.

FIN

11 de decembro de 2015

Inicio de O RETORNO

de Juan José Plans

A Terra aínda non aparecera no espazo. O astronauta consultaba nervioso os controis. Ningún fallo. Dez anos viaxando á velocidade da luz non eran suficientes como para disipar a esperanza de retornar ao mundo, que era como regresar a un pasado que parecía perdido para sempre. Esquecera a noción do tempo. Unicamente os reloxos terrestres mantíñanlle nunha realidade que era vaga nos seus pensamentos. Pero a Terra deixouse ver. Era un ínfimo punto entre millóns de puntos. Era un diminuto gran de area entre os millóns dunha praia. Dez anos son moitos anos. Esperaranme? Todo foi calculado con rigorosa precisión. E non existe nin erro de segundos. Pero é posible que se esqueceran de min. Son moitos anos dez anos. Se a radio funcionase non me sentiría tan só. O contacto cos demais finalizou case co principio da viaxe; cando escoitaba ao meu fillo, o penúltimo: «Son tan grandes as estrelas como din os libros ou son tan pequenas como se ven desde a terraza de casa?» Non lle puiden contestar. E o outro, o meu último fillo, que xa terá nove anos, como será? Neno ou nena? E como se chamará? Oh, isto debería ir máis de présa! Que cousas digo, máis de présa? Se vou á velocidade da luz, a esa velocidade que antes se cría que non se chegaría alcanzar! (Aquel ínfimo punto tomou o tamaño da cabeza dun alfinete). E Helen?
...

9 de decembro de 2015

Fragmento de Papaventos

Papaventos é unha obra de Francisco Xavier Vázquez Álvarez, coñecido como Xavier Queipo, nado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1957.

Ian alá dous meses desde que soubera o prognóstico da súa doenza oftálmica, que o condenaba á cegueira nun período máximo de seis meses e a ter que rematar canto antes a súa traducción do Ensaio sobre a cegueira. Días atrás, unha semana ou dez días como máximo, Francis visitara ó oculista. Decidira continuar co mesmo oftalmólogo insensible que tempo atrás lle anunciara de xeito tan brutal o seu destino de cego sen remedio coñecido. A escolla fora o resultado dunha meditada reflexión. Se ben era certo que para o seu carácter, educado nunha sociedade distinta, nin mellor nin peor, pero distinta, a exposición que o médico fixera da súa enfermidade, da orixe, da evolución e do fatal prognóstico resultara unha chisca impresionante, se cadra esa franqueza demoledora e sen concesións era típica das sociedades anglosaxonas de relixión protestante, que entendían o exercicio da caridade dun xeito tan distinto. Ademais, por se tratar dunha enfermidade dexenerativa, de instauración aguda pero progresiva, non habería ninguén que puidese ter unha mellor idea da evolución do paciente que aquel que contase na súa bagaxe coas primeiras revisións e coas primeiras análises e o mesmo que aventurara o diagnóstico. 
...

8 de decembro de 2015

Fragmento de Expediente Artieda

Expediente Artieda foi escrito por Luis Rei Núñez, nado na Coruña en 1958.

-¿É certo que había castigos corporais no Reformatorio? —o que pregunta é Varelita, o espírito máis sensible do grupo, como todos saben. Este Varelita saíu atleta e corre federado co Hercules coruñés, e xa o viron gañar varias probas de fondo nas pistas de cinza de Riazor. Os demais, ou ben son futbolistas, a maioría, ou practican o boxeo, coma Chuco.
-Claro que si -corrobora o púxil—. Zorregábannos a eito os coidadores.... e tamén nos batiamos entre nós. A peor malleira que lembro, déronma no barracón. Foi o primeiro día que me afeitei, e todo comezou porque un merdeiro me derramou a auga da almofía por riba. Eu non esperaba que tivese un irmán maior alí, e se chego a saber a malleira que me ían dar xúrovos que quedaba coa molladura. Aquel foi o día en que decidín aprender a boxear.

...