21 de marzo de 2015

Centenario de A metamorfose (IV)

Xa estaba Gregorio con case medio corpo debfóra da cama (o novo método era como un xogo, pois consistía simplemente en balancearse cara atrás), cando caeu en conta de que todo sería moi sinxelo se alguén viñese na súa axuda. Con dúas persoas robustas (e pensaba no seu pai e na criada) bastaría. Só terían que pasar os brazos por baixo das súas bombeadas costas, sacarlle da cama e, agachándose logo coa carga, deixar que se estirase no chan, onde era de supor que as patas se mostrarían útiles. Agora ben, e prescindindo do feito de que as portas estaban pechadas con chave, conviña realmente pedir axuda? A pesar do apurado da súa situación, non puido por menos de sorrir.

Adiantara xa tanto, que un só abalo, algo máis enérxico que os anteriores, bastaría para facerlle bascular sobre o bordo da cama. Ademais pronto non quedaría máis remedio que decidirse, pois só faltaban cinco minutos para as sete e cuarto. Nese momento, chamaron á porta do piso.

«Debe ser alguén do almacén», pensou Gregorio, mentres as súas patas axitábanse cada vez máis rapidamente. Por un momento permaneceu todo en silencio. «Non abren», pensou entón, aferrándose a tan desatinada esperanza. Pero, como non podía por menos de suceder, ouviu aproximarse á porta as fortes pisadas da criada. E a porta abriuse. A Gregorio bastoulle ouvir a primeira palabra do visitante para decatarse de quen era. Era o xerente en persoa. Por que estaría Gregorio condenado a traballar nun sitio onde a máis mínima ausencia espertaba inmediatamente as máis terribles sospeitas? É que os empregados eran todos uns lerchos? É que non podía haber entre eles algún home de ben que, despois de perder un par de horas na mañá, volvésese tolo e non estivese en condicións de abandonar a cama? É que non bastaba con mandar a un mozo a preguntar (supondo que tivese fundamento esa teima de pescudar), senón que tiña que vir o mismísimo xerente a deixar claro a unha inocente familia de que só el tiña autoridade para intervir na investigación de tan grave asunto?

E Gregorio, excitado por estes pensamentos máis que decidido a iso, tirouse violentamente da cama. Ouviuse un golpe xordo, pero non demasiado. A alfombra amorteceu a caída; as costas tiña maior elasticidade do que Gregorio supuxera, e isto evitou que o ruído fose tan estrepitoso como temera. Pero non tivo coidado de manter a cabeza suficientemente ergueita; magoouse e a dor fíxolle fregala furiosamente contra a alfombra.

20 de marzo de 2015

Inicio de O Planeta do Sol Moribundo

O PLANETA DO SOL MORIBUNDO
KURT MAHR

- Xa lle dixen -resmungou Crest decepcionado. -Non teño certeza.
Perry Rhodan asentiu. Tiña diante de si, sobre o panel de instrumentos, os resultados collidos con base no espectro, na intensidade luminosa, na posición e na distancia probable dunha estrela que, segundo Crest cría poucos minutos antes, era coñecida dos astronautas arcónidas.
A situación era a seguinte: a misión de Perry Rhodan en Gol, o décimo cuarto planeta do sistema Vega - unha masa xigantesca de metano e amoníaco co triplo do diámetro de Xúpiter, en cuxa superficie os efectos da gravidade eran espantosas- terminara dunha forma estraña e explosiva. A misión so servira para traer outra indicación sobre a posición do planeta da vida eterna, que estaban procurando. Cando maior era o perigo, a misión foi interrompida a través dun transmisor de obxectiva. Este realizara a teleportación simultánea de varios grupos separados no espazo, ou sexa, Rhodan con tres homes, que se encontraban ao momento en que estaba localizado o transmisor, o maior Nyssen e o capitán Klein, que estaban a cerca de oitenta quilómetros dali, nun coche-esteira bastante tosco, e finalmente a inmensa nave espacial arcónida, a Stardust-III, retirándoos do planeta Gol e reuníndoos nun punto do Universo que ninguén coñecía, xa que ficaba distante das rutas de navegación espacial.
Nin mesmo unha persoa que posuíse extensos coñecementos científicos sabería dicir como o transmisor, que polas súas dimensións non pasaba dunha minúscula partícula de po en comparación cos oitocentos metros de diâmetro da Stardust-III, conseguira realizar tal milagre. Porén, o acontecemento non os deixou abalados, como sería de esperar.
...

19 de marzo de 2015

Aforismos de Leonardo

180.- A perspectiva, por conseguinte, debe ocupar o primeiro posto entre todos os discursos e disciplinas humanas. No seu dominio, a liña luminosa combínase coas variedades da demostración e adórnase gloriosamente coas flores da matemática, e máis aínda da física. Os seus resultados poden detallarse analiticamente; pero propóñome encerralos en breves conclusións, entretexendo, segundo a modalidade da materia tratada, demostracións naturais e matemáticas, e deducindo ás veces os efectos das causas, e outras veces as causas dos efectos. 

18 de marzo de 2015

Fragmento de Entre o si e o Non, de Franco Grande

A terra enteira esperta pouco e pouco.
A terra está preñada
e leva dentro un froito que lle pesa.
E todo esperta a eito...

Xosé Luis Franco Grande

17 de marzo de 2015

PRODIGY, NENO

Decátome polas redes sociais que tras 62 anos (!) pechou PUNTO 3, un templo musical da noite coruñesa.
Para nós tivo o seu momento e alí acudiamos como polillas, benditos 90 ... ou non tanto. Iamos ver se viamos a quen queriamos ver, pero era demasiado lista e guapa e sempre estaba acompañada. Eu dicíallo ao meu colega "pasa dela, tío", pero nin caso, tocaba percutir. Cando me quedaba só, abacelábame á barra ou me arrimaba aínda máis a algunha parede, e observaba á xente baixo a sombra palpitante. 
Cubalibres, xeos, mozas con pantalón vaqueiro, estrellagalicia, demasiado home, música atronadora, suor do bo. O meu amigo seguía botando a cana ou a miñoca en mar morto, mentres os temas potentes encadeábanse a todo bafle. Soaba entón "Breathe" e algún flipao koruño demasiado próximo (me) gritaba "Uaaaaaaaaa Prodigy, neno!!" Eu sorríame e continuaba co meu particular cabeceo case imperceptible, alleo a todo paroxismo, así somos os fletáns. Escoitando sen ouvir, mirando sen ver.

DGM

16 de marzo de 2015

15 de marzo de 2015

Amor, em que grave dia vos vi

Amor, em que grave dia vos vi
Don Denis

Manuscritos: B0540;V0143

Amor, em que grave dia vos vi,
pois a que tam muit' a que eu servi,
ja mais nunca se quis doer de mi;
e pois me tod' este mal por vós vem,
mha senhor aja bem, pois est assi,
e vós ajades mal e nunca bem.

Em grave dia que vos vi, amor,
pois a de que sempre foi servidor,
me fez e faz cada dia peior;
e pois ei por vós tal coita mortal,
faça Deus sempre bem a mha senhor,
e vós, amor, ajades todo mal.

Pois da mais fremosa de quantas som
ja mais nom pud' aver se coita nom,
e por vós viv' eu em tal perdiçom
que nunca dormem estes olhos meus,
mha senhor aja bem por tal razom,
e vós, amor, ajades mal de Deus.