14 de decembro de 2010

I+D+Libro

O panorama editorial galego está a vivir unha auténtica revolución. Desde que hai algo máis dun ano Xerais e Galaxia anunciasen o lanzamento das súas primeiras edicións electrónicas, están a se multiplicar as iniciativas que apostan pola integración das novas tecnoloxías a esta industria. Plataformas, redes sociais, servizos de publicación eletrónica e mesmo a reorganización do propio sector nun clúster amosan unha clara aposta pola profesionalización e unha vitalidade que ameaza con mudar o xeito en que concibimos o mundo das editoras no país.

A introdución do catálogo de Galaxia en Google Books. As primeiras edicións electrónicas desta editora e mais de Xerais. O nacemento da plataforma MeuBook, que integra tenda, servizos de edición e rede social sobre libros. A Creación do Clúster do Libro. Redelibros, outra rede social que incorporará en breve a súa propia tenda. Contos infantís de Galaxia para iPad e iPhone. Agrupados, todos estes feitos marcan ao longo do último ano a acelerada traxectoria do sector editorial galego de cara a integrar os novos soportes para á lectura e responder ao desafío dos contidos dixitais.

Proceso inevitable
Para Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores e director de Xerais, “achegámonos ao futuro, e non é un problema de elección, senón que é algo no que temos que estar presentes. Estase a facer un esforzo por non perder o ritmo que imprimen outro sistemas e mais o propio proceso de tránsito cara a edición dixital no que estamos inmersos”. Ánxela Chillón é a responsable do departamento dedicado á I+D na editorial Galaxia. Para ela, a incorporación ás novas tecnoloxías do sector “é algo ineludible e inevitable. Estamos obrigados a encarar este problema. A presenza dos contidos dixitais é cada vez maior en todos os ámbitos, e mundo do libro non vai ser alleo a isto”.

13 de decembro de 2010

¡En pé!

¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medudio
con sangre quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa!”

Quen é o autor?
En que obra aparece?
Quen fixo unha canción con esta letra?

12 de decembro de 2010

Adiviña

Vive na montaña,
dúas sílabas ten
e polos dous lados
o mesmo se le.


Libro recomendado:

Adiviñanceiro Popular Galego de José Luis Gárfer e Concha Fernández
(Edicións Xerais).

11 de decembro de 2010

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (VIII).

Gozaba dunha saúde que desafiaba a todas as enfermidades. Tiña uns sólidos músculos e carecía de nervios, da aparencia de nervios, moralmente falando, enténdese.
Tiña trinta anos, e a súa idade era á miña como quince é a vinte. Escusaráseme de indicar así que eu tiña corenta anos.
Conseil tiña tan só un defecto. Formalista empedernido, nunca se dirixía a min sen utilizar a terceira persoa, o que me irritaba bastante.
-Conseil! -repetín, mentres comezaba febrilmente a facer os meus preparativos de partida.
Certamente, eu estaba seguro dun mozo tan abnegado. Xeralmente non lle preguntaba eu nunca se lle conviña ou non seguirme nas miñas viaxes, pero esta vez tratábase dunha expedición que podía prolongarse indefinidamente, dunha empresa arriscada, en persecución dun animal capaz de botar a pique
a unha fragata coma se tratásese dunha casca de noz. Era para pensalo, mesmo para o home máis impasible do mundo. Que ía dicir Conseil?
-Conseil! -gritei por terceira vez.
Conseil apareceu.
-Chamábame o señor?
-Si, rapaz. Prepárame, prepárache. Partimos dentro de dúas horas.
-Como o señor guste -respondeu tranquilamente Conseil.
-Non hai un momento que perder. Mete no meu baúl todos os meus utensilios de viaxe, traxes, camisas, calcetíns, o máis que poidas, axiña!
-E as coleccións do señor? -lembrou Conseil.
-Ocuparémonos logo diso.
-Como! O arquiotherium, o hyracotherium, o oréodon, o queropótamo e as demais osamentas do señor!
-Deixarémolas no hotel.
-E o babirusa vivo do señor?
-Manterano durante a nosa ausencia. Vou ordenar que os envíen a Francia ao noso zoo.
-É que non regresamos a París?
-Si .... naturalmente... -respondín evasivamente-. Pero regresamos dando un rodeo.
-O rodeo que o señor queira.
-Oh!, pouca cousa. Un camiño un pouco menos directo, iso é todo. Viaxaremos a bordo do Abraham Lincoln.
-Como conveña ao señor -respondeu Conseil coa maior placidez.
-Sabes, amigo meu? Verás .... trátase do monstro, do famoso narval... Imos librar del aos mares... O autor dunha obra en dous volumes sobre os Misterios dos grandes fondos submarinos non podía subtraerse á expedicióin do comandante Farragut. Misión gloriosa, pero... tamén perigosa. Non se sabe onde nos levará isto... Eses animais poden ser moi caprichosos ... Pero iremos, de tódolos xeitos. Cun comandante que non coñece o medo.
-Eu farei o que faga o señor -dixo Conseil.
-Pénsao ben, pois non quero ocultarche que esta viaxe é un deses de cuxo retorno non se pode estar seguro.
-Como o señor guste.

10 de decembro de 2010

Premio do mes de outubro

O premio mensual consistente nun xogo de bolígrafo e chaveiro foi entregado no Centro Universitario de Riazor a José Manuel Andión pola súa colaboura nas dieferentres propostas do Club de Lectura Brigantium.
Animamos a todos a seguir participando, sexa a través dos comentarios ou no correo da Asociación.

9 de decembro de 2010

TALLER DE ESCRITURA CREATIVA "UN CUARTO PROPIO"

O Museo Unión Fenosa organiza un taller literario.

Só hai unha maneira de aprender a escribir: escribindo.
Tres meses é pouco tempo para aprender a escribir un conto, pero imos tentalo. Temos menos de vinte e catro horas de clases para compartir co resto dos participantes unha historia e convertela nun conto. Semana a semana, poremos en común os nosos avances e medos, tentaremos conseguir un método de traballo e descubrir cal é a diferenza entre unha redacción e un texto literario.
Para iso, avanzaremos paso a paso no proceso da escritura. Desde a idea até a primeira versión e a posterior reescritura. A maioría dos escritores toman estas decisións dunha forma intuitiva; nós tentaremos sistematizar o que a eles lles levou toda unha vida: o ensaio e erro, erro e volta a empezar, para que, unha vez aprendido, o que queira, poida saltarse as regras e, despois de tres meses de traballo, poida dicir que escribiu un conto.

Cada día repartirase un conto ao redor do cal virará a clase. Este conto será elixido o coordinador en función das dúbidas ou problemas detectados na clase anterior.

Á marxe das lecturas do taller, recoméndase a lectura do libro Un cuarto propio de Virginia Woolf.

DATAS E HORARIO

Todos os martes, desde o 11 de xaneiro até o 29 de marzo de 2011, de 19:00 a 21:00 h

PREZO DO CURSO

O prezo total do curso é de 120 euros, que se abonará en efectivo en tres prazos.

INSCRICIÓN E PAGO

Débese encher a folla de inscrición e entregar no momento de efectuar o pago en efectivo do primeiro prazo na recepción do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, en horario de apertura ao público e antes do 8 de xaneiro de 2010.

PRAZAS LIMITADAS

8 de decembro de 2010

Día da Inmaculada

Hoxe é o día da Inmaculada. A dogma da Inmaculada Concepción é un artigo de fe do catolicismo que sostén a crenza en que María, nai de Jesús, a diferenza de todos os demais seres humanos, non foi alcanzada polo pecado orixinal senón que, desde o primeiro instante da súa concepción, é dicir, da súa ser persoal, estivo libre de todo pecado. Non debe confundirse esta doutrina coa da maternidade virginal de María, que sostén que Jesús foi concibido sen intervención de home e que María permaneceu virxe antes, durante e despois do embarazo.

A Ilustración que acompaña este post é o cadro da Inmaculada do Pazo de Mariñán.