10 de setembro de 2025

10 de setembro

É o día de San Pedro de Mezonzo, nado en Curtis contra o ano 930 e que foi líder espiritual do país en momentos de gran tribulación. En 965 é elixido abade en Sobrado dos Monxes. As terras de Sobrado sufriron o Horrorum normandorum, incursións dos viquingos.
Rosendo de Celanova e o conde Gonzalo puxeron en fuga a invasión, nun momento en que a monarquía non era quen de defender o país galego, abandonado á súa sorte fronte á ameaza normanda. E había mais frontes abertos, xa que no 997 Almanzor realizou unha campaña sobre os territorios cristianos (Galicia os chamaban eles), cruzou o Miño e arrasou as terras de Salvaterra, destruíu a cidade de Tui e así seguiu cara Santiago. Pedro encargou a evacuación da cidade e para salvar as reliquias do Apóstolo levounas consigo. A cidade quedou abandonada ao caudillo islámico, que atopou axeonllado no sartego de Santiago un monxe ancián que lle inspirou tal respecto que mandou que ninguén o incomodase, mentres  destruían o demais. Durante oito días todo foi saqueado, para deixar reducida a cinsas a capital espiritual do occidente. Levouse miles de presos e fixo cargar nos ombreiros dalgúns deles as campás e as portas do santuario apostólico que se colocaron na mesquita de Córdoba.

O papa Bieito XIV recolle a tradición que lle atribúe o celebre rezo do pobo cristián en momentos de tribulación e anguria, a Salve Regina, onde se implora á nai de Xesús.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.