19 de abril de 2022

A era do capitalismo da vixilancia

A era do capitalismo da vixilancia

Shoshana Zuboff

Por exemplo, o individuo tende a guiarse pola comparación social. É unha potencial presa fácil da manipulación, pois conta con poucas defensas fronte á presión social e a outras formas de influencia social. O sistema de crenzas fixo dun grupo establecido pode encher moi facilmente ese baleiro interior do individuo e substituír o labor da autoconstrucción por unha identidade tomada do exterior.

Avanzar a partir da «fusión» significa que o individuo faga unha transición desde alguén que é as súas relacións até alguén que ten as súas relacións. Entraña unha reconfiguración profunda de como damos sentido á nosa experiencia. Na terminoloxía de Kegan, significa afastarse dunha «cultura da mutualidade» en dirección cara a unha máis complexa «cultura da identidade, da autocreación e da autonomía persoal». Ese cambio depende de que atopemos a persoas e experiencias vitais que esixan algo máis de nós que o noso reflexo no espello. Require doutros individuos e situacións que fagan fincapé na nosa propia voz en primeira persoa, que nos inciten a labrarnos a nosa propia e singular resposta ao mundo.

Ese é un acto interior que escapa á rendición-conversión ou á datificación, porque é cando comezamos a conformar un sentido interior da verdade e da autoridade moral válidas. É o punto de referencia a partir do que podemos dicir «eu penso», «eu sinto», «eu creo».

Progresivamente, ese eu aprende a sentirse autor e dono das súas experiencias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.