Papaventos é unha obra de Francisco Xavier Vázquez Álvarez, coñecido como Xavier Queipo, nado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1957.
Cando conseguiu chegar á praia Clodio estaba derreado. Traía a Francis agarrado por baixo o sobaco e nadaba cunha man soa. Sorte que levara as aletas, que lle facilitaban o movemento na auga e que facían que as pernas tivesen unha propulsión maior. Cando tocou area, ancorando torpemente na praia como un mamífero mariño que perdera o rumbo, caeu de xeonllos e pediu axuda. Rose que levaba tempo coa auga ata os nocellos, esculcando o horizonte e cos ollos húmidos de bágoas e de medo, apresurouse a botarlle unha man a Clodio. Acudiron tamén tres ou catro bañistas que se achegaran ata alí por se podían axudar e para ver qué pasaba, por solidariedade, certamente, pero tamén por unha ansia morbosa, para saber quen era o afogado, para lle ver a face descomposta, para sentirse vivos observando a presencia da morte.
Cando o deron sacado do auga -fardo inanimado— xa non había, obxectivamente, nada que facer. Tiña a cara inchada, morada, cianótica, e o seu corazón, con certeza, deixara de latexar. Así e todo, nestes casos ninguén se resigna facilmente a non poñer o que estea da súa man para intentar unha solución, ben sexa polo recurso á oración, como xa ensaiaban algúns curiosos de máis idade, ben polo recurso ós manuais de salvamento e socorrismo, que algunha vez folleamos na consulta do médico ou na escola, no voluntariado da Cruz Vermella ou no comité de seguridade da empresa.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.