3 de xaneiro de 2015

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (e XCIII)

23. Conclusión
Así concluíu esta viaxe baixa os mares. Imposible é dicir o que ocorreu aquela noite, como o bote puido escapar ao formidable bulebule do Maelström, como Ned Land, Conseil e eu saímos do abismo. Cando volvín en min, acheime deitado na cabana dun pescador das illas Lofoden. Os meus dous compañeiros, sans e salvos, estaban xunto a min e estreitábanme as mans. Efusivamente, abrazámonos.
Nestes momentos non podemos aínda regresar a Francia. Son raros os medios de comunicación entre o norte e o sur de Noruega. Véxome, pois, forzado a esperar o paso do vapor que asegura o servizo bimensual do cabo Norte.
É, pois, aquí, no medio destas boas xentes que nos recolleron, onde reviso o relato destas aventuras. É exacto. Nin un só feito foi omitido, nin un detalle foi esaxerado. É a fiel narración desta inverosímil expedición baixo un elemento inaccesible ao home, e cuxas rutas fará libres algún día o progreso.
Creráseme? Non o sei. Pouco importa, despois de todo. O que eu podo afirmar agora é o meu dereito a falar destes mares baixo os que, en menos de dez meses, percorrín vinte mil leguas; desta volta ao mundo submarino que me revelou tantas marabillas a través do Pacífico, do Índico, do mar Vermello, do Mediterráneo, do Atlántico e dos mares austrais e boreais.
Que sería do Nautilus? Resistiu ao abrazo do Maelström? Vivirá aínda o capitán Nemo? Proseguirá baixo o océano as súas terribles represalias ou lles puxo fin con esa última hecatombe? Restituirannos as ondas algún día ese manuscrito que encerra a historia da súa vida? Coñecerei, ao fin, o nome deste home? Diranos o buque desaparecido, pola súa nacionalidade, cal é a nacionalidade do capitán Nemo?
Eu espéroo. Espero tamén que o seu potente aparello vencese ao mar no seu máis terrible abismo, que o Nautilus sobrevivise alí onde tantos navíos pereceron. Se así é, se o capitán Nemo habita aínda o océano, a súa patria adoptiva, ogallá poida o odio tranquilizarse no seu feroz corazón! Que a contemplación de tantas marabillas apague nel o espírito de vinganza! Que o xusticieiro bórrese nel e que o sabio continúe a pacifica exploración dos mares! Se o seu destino é estraño, é tamén sublime. Non o comprendín eu mesmo? Non vivín eu dez meses esa existencia extranatural?
Por iso, á pregunta formulada hai seis mil anos polo Eclesiastés: «Quen puido xamais sondar as profundidades do abismo?», dous homes entre todos os homes teñen o dereito de responder agora. O capitán Nemo e eu.
FIN

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.