14 de abril de 2013

Inicio de A SQUAW, de Bram Stoker

Naquela época, Nuremberg estaba moi lonxe de ser a cidade coñecida e frecuentada na que se converteu nos nosos días. Esta antiga cidade non evocaba demasiadas cousas para os viaxeiros daquel entón. A miña dona e mais eu estabamos na segunda semana da nosa viaxe de vodas; e, sen mencionalo, comezamos a desexar a presenza dun terceiro. 
Por iso acollemos con satisfacción a compañía dun tal Elias P. Hutcheson, de Isthmain City, Bleeding Gulch, condado de Maple Tree (Nebraska), cando ese alegre suxeito, apenas saír da estación de Frankfurt do Main, declarou, con marcado acento ianqui, que se propuña visitar unha maldita vella cidade de Europa que, polo menos, tiña os anos de Matusalén, pero que unha viaxe así requiría, necesariamente, algunha compañía.
Todo home, explicou, aínda que teña un carácter activo e sensato, arríscase, a forza de viaxar sempre só, a acabar os seus días pechado entre o catro paredes dun manicomio. Tanto Amelia como eu constatamos algúns días máis tarde, ao comparar os nosos respectivos diarios, que decidiramos non relacionarnos con el senón de forma circunspecta e controlada co fin de non parecer demasiado contentos de coñecelo, o cal non parecese demasiado compatible cun inicio de vida conxugal. 
Pero, por moi laudable que fose, esta resolución quedou en nada polo feito de empezar a falar os dous e interrompernos os dous ao mesmo tempo e logo volver empezar a falar os dous ao mesmo tempo. De todas as maneiras, non importaba como, xa estaba feito, e Elias P. xa non se apartou do noso lado. E Amelia e eu sacamos diso un bo beneficio; no canto de pelexarnos, como estiveramos facendo, descubrimos que a influencia restritiva dunha terceira persoa era tal que agora aproveitabamos todas as oportunidades para bicarnos polos recunchos. 
Amelia afirma que desde entón, e como resultado desa experiencia, aconsella a todas as súas amigas que leven a un amigo na súa lúa de, mel. Ben, «fixemos» Nuremberg xuntos; e pasámosnolo moi ben coa saborosa forma de falar do noso novo amigo do outro lado do Atlántico, o cal, tanto polas súas probas de enxeño como polos alucinantes relatos das súas aventuras pasadas, parecía saído directamente dalgunha novela picaresca. Decidíramos reservar como prato forte a visita ao castelo imperial de Nuremberg, o Kaiserburg, e o día prefixado para a visita rodeamos a muralla exterior da cidade polo seu lado este.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.