Permanecemos alertas até a alba. Iniciáronse os preparativos de combate. Dispuxéronse os aparellos de pesca ao longo das bordas. O segundo de a bordo fixo cargar as pezas que lanzan un arpón a unha distancia dunha milla e as que disparan balas explosivas cuxas feridas son mortais até para os máis poderosos animais. Ned Land limitouse a aguzar o seu arpón, que nas súas mans convertírase nunha arma terrible.
Ás seis comezou a despuntar o día, e coas primeiras luces do alba desapareceu o resplandor eléctrico do narval. Ás sete era xa de día, pero unha bruma matinal moi espesa, impenetrable para os mellores catalexos, limitaba considerablemente o horizonte, ante a cólera e a decepción de todos.Subín até a cofa de mesana. Algúns oficiais estaban xa empolicados no alto dos mastros.
De súpeto, e do mesmo xeito que na véspera, ouviuse a voz de Ned Land:
-A cousa en cuestión por babor, atrás!
Todas as miradas converxeron na dirección indicada. A unha milla e media da fragata, un longo corpo negruzco emerxía das augas nun metro, aproximadamente. A súa cola, violentamente axitada, producía un considerable remuiño. Xamais aparello caudal algún batera o mar con tal violencia.
Un inmenso asuco de branca espuma describía unha curva alongada que marcaba o paso do animal.
A fragata aproximouse ao cetáceo, e puiden observalo con tranquilidade. Os informes do Shannon e do Helvetia esaxeraran un pouco as súas dimensións. Eu estimei a súa lonxitude nuns douscentos cincuenta pés tan só. En canto ao seu grosor, non era fácil aprecialo, pero, en suma, o animal pareceume admirablemente proporcionado nas súas tres dimensións.
Mentres observaba aquel ser fenomenal, vin como lanzaba dous chorros de auga e de vapor polos seus espiráculos até unha altura duns corenta metros. Iso reveloume o seu modo de respiración, e permitiume concluír definitivamente que pertencía aos vertebrados, clase dos mamíferos, subclase dos monodelfos, grupo dos pisciformes, orde dos cetáceos, familia ... Neste punto non podía pronunciarme aínda. A orde dos cetáceos comprende tres familias: as baleas, os cachalotes e os golfiños, e é nesta última na que se inscriben os narvais. Cada unha destas familias divídese en varios xéneros, cada xénero en especies e cada especie en variedades. Variedade, especie, xénero e familia faltábanme aínda pero non dubidaba eu de que chegaría a completar a miña clasificación, coa axuda do ceo e do comandante Farragut.
A tripulación esperaba impaciente as ordes do seu xefe. Tras observar atentamente ao animal, o comandante chamou ao enxeñeiro, quen se presentou inmediatamente.
-Ten suficiente presión? -preguntoulle o comandante.
-Si, señor -respondeu o enxeñeiro.
-Ben, reforce entón a alimentación, e a toda máquina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.