25 de abril de 2015

Centenario de A metamorfose (IX)

-
Nai! Nai! -xemiu Gregorio, mirándoa desde abaixo. Por un momento esqueceuse do xerente; e non puido evita, ante o café vertido, abrir e pechar repetidas veces as mandíbulas no baleiro. A súa nai, gritando de novo e fuxindo da mesa, lanzouse en brazos do pai, que correu ao seu encontro.

Pero Gregorio non podía dedicar xa a súa atención aos seus pais; o xerente estaba na escaleira e, co queixo apoiado sobre a varanda, dirixía unha última mirada a aquela escena. Gregorio tomou impulso para darlle alcance, pero el debeu de comprender a súa intención, pois, dun salto, baixou varios chanzos e desapareceu, proferindo uns alaridos que resoaron por toda a escaleira. Aínda por riba de males, a fuxida do xefe pareceu trastornar por completo ao pai, que até entón se mantivera relativamente sereno; pois, en lugar de correr tras o fuxitivo, ou polo menos permitir que así o fixese Gregorio, empuñou coa destra o bastón do xerente -que este non recollera, como tampouco o seu chapeu e o seu gabán, esquecidos nunha cadeira- e, armándose coa outra man dun gran xornal que había sobre a mesa, dispúxose, dando fortes patadas no chan, esgrimindo papel e bastón, a facer retroceder a Gregorio até o interior do seu cuarto. De nada servíronlle a este as súas súplicas, que non foron entendidas; e aínda que inclinou sumiso a cabeza, só conseguiu excitar aínda máis ao seu pai. A nai, a pesar do mal tempo, abrira unha xanela e, violentamente inclinada cara a fóra, cubríase o rostro coas mans. Entre o aire da rúa e o da escaleira estableceuse unha forte corrente; as cortinas da xanela baleiráronse; sobre a mesa axitáronse os xornais, e algunhas follas soltas axitáronse polo chan. O pai, inflexible, resoplaba violentamente, tentando facer retroceder a Gregorio.

Pero este carecía aínda de práctica na marcha cara atrás, e a cousa ía moi amodo. Se polo menos puidera moverse! Nun airiño atoparíase no seu cuarto. Pero temía, coa súa lentitude en virar, impacientar ao seu pai, cuxo bastón podía deslomarle ou abrirlle a cabeza. Finalmente, con todo, non tivo máis remedio que volverse, pois advertiu contrariado que, camiñado cara atrás, non podía controlar a dirección. Así que, sen deixar de mirar angustiosamente ao seu pai, empezou a virar o máis rapidamente que puido, é dicir, con extraordinaria lentitude. O pai debeu decatarse da
súa boa vontade, pois deixou de hostigarlle, dirixindo mesmo de lonxe, coa punta do bastón, o movemento xiratorio. Se polo menos deixase de resoplar!

Isto era o que máis alteraba a Gregorio. Cando xa ía terminar o xiro, aquel resoplido fíxolle equivocarse, obrigándolle a retroceder aos poucos. Por fin logrou quedar fronte á porta. Pero entón lembrou que o seu corpo era demasiado ancho para poder pasar sen máis. Ao pai, no medio da súa excitación, non se lle ocorreu abrir a outra folla para deixar espazo suficiente.
Estaba obsesionado coa idea de que Gregorio había de meterse canto antes na súa habitación. Tampouco permitise os lentos preparativos que Gregorio necesitaba para incorporarse e, deste xeito, pasar pola porta. Coma se non houbese problema algún azuzaba a Gregorio con furia crecente.

Gregorio ouvía tras de si unha voz que parecía imposible que fose a dun pai. Incrustouse no marco da porta. Ergueuse de medio lado e quedou atravesado no limiar, lacerándose o costado. Na porta apareceron unhas manchas repulsivas. Gregorio quedou alí atrancado, sen posibilidade de facer o menor movemento.

As patitas dun dos lados colgaban no aire, mentres que as do outro quedaban dolorosamente oprimidas contra o chan... Nisto, o pai deulle por detrás un empuxón enérxico e salvador, que o lanzou dentro do cuarto, sangrando copiosamente. Logo, pechou a porta co bastón, e por fin volveu á calma.

Até a noite non espertou Gregorio dun pesado soño, semellante a un desmaio. Non tardaría moito en despabilarse por si só, pois xa descansara bastante, pero pareceulle que lle espertaban uns pasos furtivos e o ruído da porta do recibidor, que alguén pechaba suavemente. O reflexo do tranvía proxectaba franxas de luz no teito da habitación e a parte superior dos mobles; pero de abaixo, onde estaba Gregorio, reinaba a escuridade. Lenta e aínda torpemente, tenteando coas súas antenas, que nese momento mostráronlle a súa utilidade, deslizouse cara á porta para ver o que ocorrera. No seu costado esquerdo había unha longa e repugnante chaga. Renqueaba alternativamente sobre cada unha das súas dúas fileiras de patas, unha das cales ferida no accidente da mañá -sorprendentemente, as demais quedaran ilesas-, arrastrábase sen vida.

24 de abril de 2015

Frases de Pratchett

As historias máis antigas de todas, tarde ou cedo, tratan sobre o sangue.

23 de abril de 2015

Aforismos de Leonardo

185.- Non hai parte algunha da astroloxía que non dependa das liñas visuais e da perspectiva, filla da pintura -xa que é o pintor quen, por necesidade da súa arte, creou dita perspectiva-, en cuxas liñas se inclúen todas as varias formas dos corpos xerados pola natureza e sen as cales a arte do xeómetra non existiría. E se o xeómetra reduce toda superficie circunscrita por liñas, á figura do cadrado, e todo corpo á figura do cubo; e se a aritmética fai o mesmo coas súas raíces cúbicas e cadradas, estas dúas ciencias só atenden á noción de cantidade, continua ou descontinua, pero da calidade non se ocupan, a cal é beleza das obras da natureza e ornamento do mundo. 

22 de abril de 2015

Obra de Olga Novo

HERBOSA

eu nacín aprendida a ser aberta
como casa mariñeira
e a ser fácil muller de chuvias e tormentas.

eu non sei cómo non cheguei a torques,
retroñada.

estaba destinada a xerfa e dolmen
porque tiña vontade de loucura
e tódolos ciclos do entusiasmo.

...

21 de abril de 2015

GALERÍAS PREZADAS

Supoño que a quen visita A Coruña quedanlle fixadas na memoria imaxes como esta: galerías brancas, esquinas de pedra, Praza de María Pita, A Mariña, gaivotas, ceos plomizos a piques de licuarse...
Saquei deste encadre a toda a xente que paseaba onte pola tarde por c/ Rego de Auga, para subliñar o seguinte:
Sempre chamoume a atención as poucas persoas que ven no interior das galerías cando levantas a cabeza. Non espero xeranios andaluces, nin charlas extrovertidas de balcón mediterráneo. Talvez somos como somos, pero como sería esa paisaxe urbana privilexiada con avoas movéndose nos seus labores, mulleres de xersei vermello, homes folgazáns en pixama, estudantes centroeuropeos con cervexa en man, bohemios e bohemias, cans, gatos, plantas, canarios e papagaios?
Cor e vida para a cidade de cristal enferma de exceso de escaparate e baleiro.
Por suposto, hai outras postais da cidade menos edificantes onde sucede a vida baixo o mesmo ceo, pero hoxe non toca.

DGM

20 de abril de 2015

19 de abril de 2015

Fragmento de "Galván en Saor" de Darío Xohán Cabana

Texto de Darío Xohán Cabana Yanes, nado en Roás, na Terra Chá, o 19 de abril de 1952.

Ergueuse o señor Galván coa primeira luzada da alba, e saíu da pousada sen facer ruído. Colleu a moto do ramal, e non a acendeu ata encontrarse fóra da vila, por non turba-lo repouso dos veciños. Na encrucillada de Santor dubidou un instante, colleu a estrada de Lobar e marchou cara á lagoa. Deixou a moto á beira da estrada e, aproveitando valtróns e valados para pasar sen mollarse, meteuse polo rocello de Taluco cara ás fragas que rodeaban a grande lama. Sentiu o poderoso canto do ouriol e viu unha frecha dourada cruzar velozmente por entre os carballos. Ó pouco de andar viu ante si a superficie da lagoa. Non sopraba nin unha airexa de vento, e o sol tiña aínda a cintura cortada polo horizonte. Ollou Galván as augas en dirección ó nacente, e a contraluz pareceulle ver no seu fondo tellados e campanarios, mais foi un intre só, e un dos tellados lembráballe o dunha casa real que moi ben coñecía.

...