14 de agosto de 2014

Aforismos de Leonardo

159.- Todo movemento natural e continuo desexa conservar o seu curso, pola liña do seu principio.

13 de agosto de 2014

Fragmento de As Crónicas do Sochantre, de Alvaro Cunqueiro (e IV)

—O liño, señor escribano, naceu pra sere mazado. Mercoume monsieur Salomón Capitán, adubioume de roupa nova, e mandábame andar sempre lavado de xabón de olor, que era tan escollido de ventos coma de chaleques. Dixo que inda tardaríamos un ano en chegar a Le Mans, e que agora cumpríalle pasar un tempo entre Diñan e Mur-en-Bretagne, e porque xa sabía o devezo que eu me traguía de ser gaiteiro, que non pásese pena, que xa atendería a que adeprendese por papel, e a calquera que me perguntase como me chamaba, que dixera que Bernaldino. Pouco tardei en saber que monsieur Salomón Capitán era un demo de cuantía, e que o andar demorándose na térra de Bretaña era por facer inquisición onde se gardaría del un tal maioral Clamot, que lle tina roubado unha valixa.

12 de agosto de 2014

Fotos do concurso

Nova entrega das fotos do concurso. De novo temos unha foto na que a rúa non da moitas pistas e outra que debe resultar sinxela, aínda que o paso do tempo parece ir borrando tamén as cousas feitas en pedra.


11 de agosto de 2014

Fragmento de O misterio dos fillos de Lúa

Texto de Fina Casalderrey Fraga, nada en Xeve (Pontevedra) o 11 de agosto de 1951, escritora galega.

¡Ola! Son David, anque todos me chaman Djukic porque me gusta tirar penaltis, pero case nunca meto gol.
Vivo nun sitio estupendo. Chámanlle parroquia, porque temos un cura e unha igrexa moi grande. Dende o meu cuarto vexo a igrexa enteira. Cando hai festa, tamén vexo como os foguetes estoupan no ceo.
As casas non son moi altas, pero temos moitas árbores que son altísimas. Cando o sol bota moito tempo sen escapar do ceo, que se chama verán, as nosas árbores énchense de froita.
...

10 de agosto de 2014

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXXII)

O 20 de abril mantivémonos a unha profundidade media de mil cincocentos metros. As terras máis próximas eran as do arquipélago das Lucaias, illas diseminadas como unha chea de lastros na superficie do mar. Elevábanse alí altos cantiis submarinos, murallas rectas formadas por bloques desgastados dispostos en longas fiadas, entre os que se abrían profundos buracos negros que os nosos raios eléctricos non conseguían iluminar até o fondo. Esas rocas estaban tapizadas de grandes herbas, de laminarias xigantescas, de fucos enormes. Era unha verdadeira espaldera de hidrófitos digna dun mundo de titáns.
Estas plantas colosais leváronnos naturalmente a Conseil, a Ned e a min a falar dos animais xigantescos do mar, pois aquelas están evidentemente destinadas a alimentar a estes. Con todo, a través dos cristais do Nautilus, entón case inmóbil, non vin sobre os longos filamentos desas plantas outras variedades que os principais articulados da división dos braquiuros, lambros de longas patas, violáceos e clíos vrovios do mar das Antillas.
Era ao redor das once cando Ned Land atraeu a miña atención sobre un formidable formigueo que se producía a través das grandes algas.
-Son verdadeiras cavernas de polbos -dixen- e non me estrañaría ver a algúns deses monstros.
-Que? Luras? Simples luras, da clase dos cefalópodos? -dixo Conseil.
-Non, polbos de grandes dimensións. Pero o amigo Land debeu equivocarse, pois eu non vexo nada -engadín.
-Síntoo -dixo Conseil-, pois me gustaría moito ver cara a cara a un deses polbos dos que tanto ouvín falar e que poden levar aos barcos até o fondo do abismo. A esas bestas chámanlles kra...
-Cra ... contos-chineses quererá dicir -interrompeulle o canadense, ironicamente.
-Krakens -proseguiu Conseil, acabando a súa frase sen preocuparse da broma do seu compañeiro.
-Xamais se me fará crer que existen tales animais.
-Por que non? -respondeu Conseil-. Nós chegamos a crer no narval do señor.
-E equivocámonos, Conseil.
-Sen dúbida, pero os demais seguen crendo nel.
-É probable, Conseil, pero o que é eu non admitirei a existencia deses monstros ata que os haxa disecado coas miñas propias mans.
-Así que o señor tampouco cre nos polbos xigantescos?
-E quen diaños creu neles? -dixo o canadense.
-Moita xente, Ned.
-Non serán pescadores. Os sabios, talvez.
-Perdón, Ned. Pescadores e sabios.
-Pois eu -dixo Conseil nun ton de absoluta seriedadme acordo perfectamente de ver unha gran embarcación arrastrada ao fondo do mar polos brazos dun cefalópodo.
-Vostede viu iso?
-Si, Ned.
-Cos seus propios ollos?
-Cos meus propios ollos.
-E onde, por favor?
-En Saint-Malo -afirmou imperturbablemente Conseil.
-Ah! No porto? -preguntou Ned Land ironicamente.
-Non, nunha igrexa.
-Nunha igrexa!
-Si, amigo Ned. Era un cadro que representaba ao polbo en cuestión.
-Ah! Vaia! -exclamou Ned Land, rompendo a rir-. O señor Conseil estaba a tomarme o pelo.
-De feito, ten razón -intervín eu-. Ouvín falar dese cadro, pero o tema que representa está sacado dunha lenda, e xa sabedes o que hai que pensar das lendas en materia de Historia Natural. Ademais, cando se trata de monstros, a imaxinación non coñece límites. Non soamente pretendeuse que eses polbos podían levar aos barcos, senón que mesmo un tal Olaus Magnus falou dun cefalópodo, dunha milla de longo, que se parecía máis a unha illa que a un animal. Cóntase tamén que o bispo de Nidros elevou un día un altar sobre unha inmensa roca. Terminada a súa misa, a roca púxose en marcha e regresou ao mar. A roca era un polbo.

9 de agosto de 2014

Fotos do concurso

Nova entrega do Concurso de Fotografía. Unha delas é ben doada de coñecer, pero resulta simpática polos cambios acontecidos e a outra xa non resulta tanto para moitos.




8 de agosto de 2014

Inicio de A Formiga

A Formiga
Marco Denevi

Un día as formigas, pobo progresista, inventan o vexetal artificial. É unha papilla fría e con sabor a follalata. Pero polo menos relévaas da necesidade de saír fóra dos formigueiros en procura de vexetais naturais. Así se salvan do lume, do veleno, das nubes insecticidas. Como o número das formigas é unha cifra que tende constantemente a crecer, ao cabo dun tempo hai tantas formigas baixo terra que é preciso ampliar os formigueiros. As galerías expándense, entrecrúzanse, terminan por confundirse nun só Gran Formigueiro baixo a dirección dunha soa Gran Formiga. Polas dúbidas, as saídas ao exterior son tapiadas baixo sete chaves. Sucédense as xeracións. Como nunca franquean os límites do Gran Formigueiro, incorren no erro de lóxica de identificalo co Gran Universo.
...