Fredric Brown
R. Austin Wilkinson era un vividor, o típico habitante de Manhattan, e un cazador de mulleres. Era, ademais, un incorrixible afeccionado aos xogos de palabras e non desperdiciaba ningunha ocasión. Ao falar da súa actividade favorita, por exemplo, destacaría que era un lobo —tal e como el o vía—, pero que iso non o convertía nun home lobo.
A pesar do espantoso que esta afirmación podía resultar para algúns dos seus amigos, era case certa. Wilkinson non era un home lobo; era un home cervo.
Unha ou dúas noites á semana paseaba ata Central Park, transformábase en cervo e pasábao en grande correndo e xogando.
En realidade, existía sempre o perigo de ser visto, pero —dado que facía xogos de palabras mesmo nos seus pensamentos— estaba disposto a apostar¹ por iso.
Estranamente, nunca se lle ocorrera combinar o pracer de ser un lobo, tal e como el o vía, cos praceres de ser un cervo.
Ata unha noite.
Por que —preguntouse aquela noite— non podía un cervo ter sorte e conseguir unha cerva? Unha vez que o pensou, a idea resultoulle irresistible. Galopou ata o muro do Zoo de Central Park e trotou ao seu carón ata que o seu sensible fuciño de cervo lle indicou o lugar exacto polo que podía saltar o valo. Transformouse de novo en home para poder rubir e, xa a soas nun cercado cunha preciosa cerva, converteuse outra vez en cervo.
Ela estaba durmindo. El empurrouna con delicadeza e murmuroulle unha suxestión.
Ela abriu moito os ollos e quedou mirando para el.
—Non, non, unha ducia de veces non!
—Só unha ducia de veces? —preguntou el, lanzándolle logo unha mirada lasciva—. Querida —murmuroulle—, pensa no cervatiño que terás!
Aquilo foi ir demasiado lonxe.
Podería saírse coa súa se a cerva fose só iso, pero ela era unha cerva-muller (unha cerva que podía transformarse nunha moza) e, ademais, unha bruxa. Ela transformouse rapidamente nunha moza e correu cara ao valo. Cando el se converteu nun home e botou a correr tras dela, ela lanzoulle un feitizo por riba do ombreiro: un feitizo que o converteu de novo en cervo e o conxelou nesa forma.
Visitaches algunha vez o Zoo de Central Park? Busca o cervo de mirada triste: é Wilkinson.
Está triste a pesar de que a cerva-muller —que agora é a estrela do ballet de Nova York (os críticos din que é tan elegante coma unha cerva)— o visita de cando en vez pola noite e asume de novo a súa verdadeira forma.
Pero cando el lle suplica que o libere do feitizo, ela sorrí docemente e dille que non, que é moi aforradora e quere conservar o primeiro cervo² que gañou.
FIN
¹ Nota do tradutor: o autor fai un xogo de palabras entre gambol (retozar) e gamble (apostar), que en inglés soan igual.
² Nota do tradutor: en inglés buck significa tanto “cervo” como “dólar”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.