Nos templos, construídos para a gloria das divindades, introdúcense tamén escenas de exaltación da realeza. Incorpóranse composicións de carácter histórico nas que se relatan os acontecementos importantes como o recibimento de cortes estranxeiras e as fazañas heroicas dos faraóns en loita contra estranxeiros. A arte faise eco da seguridade e o orgullo do país. O tema do faraón en carro de combate guiado por cabalos é moi frecuente a partir da XVIII dinastía -o carro foi introducido polos hicsos-.
Os faraóns tutmósidas converten os templos en colosais «pantallas» nas que se inscriben grandes relevos para reafirmar o papel tutelar do rei. No templo de Amón, en Karnak, un gran relevo representa a Tuthmosis III aniquilando aos seus inimigos, cun xesto similar ao que aparecía na paleta de Narmer da I dinastía. O faraón maniféstase impoñente fronte ás hostes inimigas, representadas en reducidas dimensións, mentres a escritura jeroglífica corrobora o número de prisioneiros e o botín conseguido. A escena repetirase sucesivamente, representando aos faraóns nas súas campañas de conquista.
Máis tarde, Ramsés II encargarase de utilizar todas as superficies posibles en paramentos e fustes de columnas para deixar constancia dos seus triunfos bélicos ou cazarías. En relevos como o da sala hipóstila do templo de Luxor, Ramsés II fixo representar a batalla de Kadesh contra os hititas. Foi a primeira gran composición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.