18 de marzo de 2020

Novela semanal. Undécima entrega.


Clic. É o único que se escoita dunha pistola que quedou baleira minutos antes. Duchamps mira con pavor ao asasino pero este, que aínda está a conversar, non escoitou nada. Antes de ser apercibido, móvese cara atrás quedando oculto á volta da esquina. O suor báixalle pola fronte, desexando que non veña na súa dirección cando acabe a chamada. Perdido nos seus pensamentos non se dera conta de que o asasino deixara de falar. Escóitase un paso e por fin sae do seu ensimesmamento, ao mesmo tempo que os seu ollos se dirixen ao espello da parede. Aí está o asasino mirándoo inmóbil. Sen saber ben que facer Duchamps di: Servizo de habitacións! Non parece convencer ao asasino, que levanta a man que suxeita a pistola, listo para disparar. Non lle queda máis remedio ao detective que erguerse e saír correndo por onde chegou.

A distancia que os separa é suficiente como para que Duchamps poida chegar ao final dos corredores sen que o asasino teña forma de alcanzalo, pero abofé que se está a acurtar tras cada esquina. A súa intención é chegar a algunha sala na que haxa máis escoltas pero o único ruído que se pode ouvir vén de atrás. Duchamps chega a unha zona xa coñecida, o recuncho no que se agochou anteriormente. É a única opción que ve polo que tira a pistola tan lonxe como é capaz. Consigue fundirse coa escuridade xusto cando o asasino aparece pola esquina e a pistola cae ao final do corredor cun ruído metálico. Este se detén ante esta situación inesperada e comeza a avanzar con cautela. Apenas quedan dous metros antes de pasar por diante da posición de Duchamps e, de socate, ao fondo empezan a chegar uns pasos apurados. O asasino dá dous pasos acelerados cara adiante e, buscando resgardo, métese no mesmo agocho sen darse conta de que xa está ocupado. A situación non pode ser máis absurda, co asasino mirando de esguello esperando que apareza Duchamps ao fondo, sen darse conta de que está xusto detrás. O detective está máis branco que o leite e, aínda que non entende o comportamento do asesino, sabe que ten que aproveitar a oportunidade. Cun golpe rápido na cabeza o home cae desplomado.

Os pasos fanse máis fortes e tras uns segundos que lle semellaron eternos ao detective, aparece unha figura en calzóns, que ao ver o corpo tendido no chan se achega á posición de Duchamps. Ao velo, este abre grandes os ollos e berra: Devólveme a miña roupa!

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.