Despois de calmar
ao camareiro, Duchamps colle un mantel dunha mesa e enrólao estirado para atar
as mans do asasino á espalda. O camareiro colle un teléfono do seu uniforme que
aínda está a ser vestido polo detective e cunha rápida chamada pide á
vixilancia da mansión que envíen axuda á súa localización. Mentres agardan a
chegada os dous quedan en silencio, o camareiro mirando a Duchamps cuns ollos
que poderían matar e este desviando a mirada e asubiando. Tras cinco minutos
chegan 4 vixiantes e, despois de explicar os calzóns do camareiro, Duchamps relata
o resto dos acontecementos: a morte do escolta, o encontro co asasino e a fuxida.
Dous vixiantes van en busca do corpo sen vida do escolta e os outros dous
axudan a levar ao asasino aínda inconsciente á sala de vixilancia.
Entran na sala e
colocan ao asasino nunha cadeira fronte a unha mesa. Dúas bofetadas e esperta
confuso e cegado polas luces que o enfocan. Duchamps adiántase aos vixiantes. Deixádemo
a min. Quen te envía?, pregunta golpeando a mesa. Non direi nada, responde o
asasino. Se non falas vasme obrigar a golpear a mesa outra vez pero cunha
intensidade lixeiramente superior, advirte Duchamps. Pasan os minutos sen que
ningún dos dous baixe a mirada e finalmente o detective retrocede cara aos
vixiantes. O tipo tenme calado, sabe que me doe moito a man polo primeiro golpe
na mesa. Os dous vixiantes toman o relevo e séntanse na mesa. Vas pasar moitos
anos no cárcere pero se nos axudas podemos lograr que che baixen a condena,
pénsao. Xa o dixen, non ides conseguir nada de min. Se non queres colaborar polas
boas ímosche sacar a información pola malas. Un dos vixiantes levántase, rodea
a mesa e, despois de agarrar ao asasino polo pescozo da camisa dálle dous puñadas
que lle rompen o nariz. Non conseguiredes que traizoe aos meus, di o asasino cuspindo
sangue. Nese momento ábrese a porta da sala.
Continuará...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.